A carreira de Salceda de Caselas (Pontevedra) organizada polo Moto Club Tamancas, pechaba esta fin de semana o campionato de enduro na Liga Galega da Moto de Campo, co piloto barquense Jorge Paradelo (Núñez Motor) no alto do podio cunha carreira menos.
Nesta edición, aínda marcada pola pandemia, a competición tivo que adaptarse á situación sanitaria constando de seis carreiras (Piñor, dúas en Rois, Tui, Abegondo e Salceda) e en todas, menos a de Tui na que non participou, o piloto valdeorrés liderou a clasificación na categoría elite. Outro barquense, Diego Teixeira (Rúa Motor), era oitavo.
Este título poñía o broche de ouro á tempada de Paradelo que unha semana antes remataba en Almería o Campionato de España de Enduro 2 nun meritorio quinto posto.