Xusto na véspera da data do seu nacemento, un 22 de maio de 1922 no Barco de Valdeorras, as cinzas do pintor Jesús Díaz Ferrer eran depositadas nun acto emotivo e íntimo no cemiterio desta localidade, coa asistencia da súa viúva, Micheline Langlois, así como de amigos e familiares, entre eles o historiador da arte e artista barquense Luís Enrique Rodríguez “Coquixo”.
Deste xeito, Díaz Ferrer regresa para sempre ao seu pobo moitas décadas despois da súa partida, primeiro a Madrid, logo a Europa, pasando por países como Francia ou Suíza e, finalmente a Concud (Teruel), onde falecía no 2017.
Este regreso de Díaz Ferrer a Valdeorras prodúcese no marco da celebración dun centenario no que a sociedade valdeorresa recupera tamén a súa obra a través da exposición “Esencial” (na sala Abanca), promovida polo Concello do Barco e comisariada por Luís Enrique Rodríguez “Coquixo”, quen a mediados dos 80, por azar, descubría a este artista. E co seu afán, inquedanza e ilusión, lograba rescatar a súa obra e memoria apostando por dala a coñecer non só na súa terra, senón no conxunto de Galicia para amosar a calidade e intensa traxectoria creativa en moi diversos ámbitos (dende pintura ata orfebrería ou fotografía) e de case 80 anos de Díaz Ferrer.
Ademais Coquixo foi o artífice deste reencontro definitivo, e seguramente totalmente inesperado para Díaz Ferrer, cando un caluroso día do verán de 2015 lle abría por primeira vez as portas da súa casa en Concud, dando lugar a unha amizade moi especial e ao reencontro do artista coas súas raíces. Un reencontro co Barco que neste 21 de maio vén de selarse definitivamente.
Dende o Periodico O SIL agradecemos a cesión destas imaxes.