DeportesEn portadaPiraguismoÚltima hora

O piragüista barquense Adrián Prada clasifícase para o europeo de maratón tras proclamarse subcampión en K-1 Sub23

Ademais este padexeiro, que compite co Club Piragüismo Verducido Pontillón, volverá a tomar a saída mañá no nacional de maratón pero na proba de K-2 sénior

O piragüista Adrián Parada, no podio nacional de maratón en K-1 Sub23, xunto a Joaquín Iglesias, do seu mesmo club, o Verducido Pontillón./ Foto: Lois Prada F.

 

Nunha axustada competición na que se mantiña a emoción ata os últimos momentos, o padexeiro barquense Adrián Prada Pérez vén de proclamarse subcampión de España en K-1 Sub23 no nacional de maratón que se está a celebrar nesta fin de semana en Pontevedra.

Este piragüista, adestrado por Javier Villanueva “Jabucho” e que viste as cores do Club P. Verducido Pontillón, completaba os 26.200 metros da final nun tempo de 1:47:09.66, e lograba facerse coa prata logo dun sprint co terceiro clasificado, Gabriel Perea (C.J. Aventura Los Rápidos) ao que lle sacaba apenas 3 segundos.

O valdeorrés tan só era superado polo seu compañeiro de club Joaquín Iglesias, cunha marca de 1:45:06.53. Ademais, ambos resultaban clasificados para o Campionato de Europa de Maratón que se celebrará en Moscú en xullo.

 

Adrián Pérez no podio galego./ Foto: Lois Prada F.

 

Nesta mesma competición decidíase así mesmo o campionato galego de maratón, no que Adrián Prada se facía tamén co segundo posto, sendo o primeiro para Joaquín Rodríguez.

Neste sábado tamén tomaba a saída no Campionato de España de Maratón o irmán de Adrián, Raúl Prada Pérez, na categoría K-1 cadete, na que conseguía a 12ª posición española (cubrindo a distancia de 11.800 metros cunha marca 32:14.74) de e o quinto posto a nivel galego.

A competición continuará mañá para Adrián Prada xa que ten previsto participar na proba de K-2 sénior, tendo como compañeiro de barco a Joaquín Iglesias.

Artigos relacionados

Back to top button