En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O Pizarras Los Tres Cuñados FS cae ante o Atl. Benavente nun partido memorable

Co 2-3 remataba o encontro da Copa do Rei disputado na noite do 16 de outubro no Barco

 

Prometía calidade e intensidade e non defraudou. A eliminatoria directa da Copa do Rei de fútbol sala disputada na noite do 16 de outubro en Calabagueiros (O Barco) foi un espectáculo, non exento de polémica, no que o Atlético Benavente FS superaba por 2 goles a 3 ao Pizarras Los Tres Cuñados FS, pasando á seguinte ronda da competición nacional.

Na presentación do histórico partido (o primeiro da Copa xogado en Valdeorras) feita hai dous días, o conxunto local facía unha chamada á afección para que asistise ao pavillón a animalo. E vaia se foi. Con boa parte das bancadas cheas de xente de diferentes idades e de toda a comarca (tamén viñeron siareiros dende Benavente), o equipo de Xocas Miranda era recibido cun sonoro aplauso. Pero antes de que os árbitros pitaran o inicio do partido, os cativos das escolas deportivas e o presidente do club, Santiago Vázquez, entregaban unha placa e a camiseta co número 10 a David, o que ata esta tempada fora xogador do Tres Cuñados e que cambiaba o parqué polo despacho, pasando a ser a ponte entre os xogadores e a directiva.

Tralo emotivo acto e a mensaxe “Gracias por todo David”, comezaba un intenso choque no que ningún dos dous equipos estaba disposto a ceder terreo. Comezaron as oportunidades por ambas partes pero era Pedro quen abría o marcador para os locais, poñendo en pé as bancadas. A alegría duraba pouco xa que apenas tres minutos despois Charly marcaba o gol do empate e nunha rápida contra, case sen percatarse Kiko encaixaba o segundo gol, obra de Dilín, ex compañeiro dos valdeorreses que este ano xoga nas filas do equipo zamorano. Con todo, as cousas non quedaban aí e a menos dun minuto para o final da primeira parte Iván marca o gol do empate para os brancos.

 

O Pizarras Los Tres Cuñados FS ao completo antes de comezar o partido.

 

Foi un partido tenso, entre os xogadores e sobre todo entre a afección que protestaba unha e outra vez polas decisións do árbitro e a actitude dos amarelos. Tampouco o adestrador do Tres Cuñados (que foi expulsado antes de acabar a primeira parte por pedir unha falta) estivo conforme coa arbitraxe. “Non lles pitan unha e mira que fan faltas, van a saco” aseguraba, xa dende a bancada. Dende alí pudo ver como na segunda metade os seus xogadores se repregaban e como Bruno marcaba en propia meta o que sería o terceiro gol do Benavente. Aínda quedaba moito partido e non podían sabelo, pero ese erro do capitán sentenciaba o encontro. Ao berro de “si se pode” por parte da afección e de “a por todas, é o momento de atacar”, os locais intentárono pero sen éxito.

Foi sen dúbida o día de Kiko, o gardamenta valdeorrés que fixo un gran partido. Un partido no que a tensión dunha eliminatoira destas características se notou de principio a fin. E ao longo das case dúas horas que durou, tamén houbo detalles anecdóticos como as numerosas paradas para secar as goteiras que mollaban o parqué; ou as recriminacións a Dilín dunha impulsiva afeccionada que non deixaba de pedir tarxetas. Foi en definitiva un partido memorable que o Pizarras Los Tres Cuñados FS pelexou ata o final.

Agora, malia a desilusión pola derrota, toca centrarse na liga, pendentes da 6ª xornada que os enfrontará a domicilio co Albense FS.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button
Close