DeportesÚltima hora

O Pizarras Los Tres Cuñados FS disputará este mércores o primeiro partido da Copa do Rei que se xoga no Barco

Será ás nove da noite no pavillón de Calabagueiros contra o Atlético Benavente FS

 

“Te vienes de Copa?”. Con este reclamo o Pizarras los Tres Cuñados FS convida á poboación de Valdeorras ao partido que disputará o vindeiro mércores 16 de outubro ante o Atletico Benavente FS, no pavillón de Calabagueiros, no que será unha eliminatoria directa da Copa do Rei, a primeira que se xoga no Barco.

Así o aseguraba na presentación, o presidente do club Santiago Vázquez, explicando que non é algo novo para eles pois xa xogaron unha eliminatoria previa da Copa o ano pasado, pero si a primeira vez que se xoga en casa e máis unha eliminatoria directa. É “un feito importante porque implica enfrontarte aos mellores equipos de cada categoría, neste caso é o Benavente que ganou a liga o ano pasado e este ano ten un equipo deseñado co obxectivo de subir e será un rival do máis duro que nos podía tocar nesta eliminatoria”.

A calidade do rival vén ratificada polo míster do Tres Cuñados, Xocas Miranda, asegurando que “é un gran rival feito non só para ganar a liga senón para intentar ganar o play off de ascenso a prata. O que temos ao noso favor é xogar en casa onde sempre fomos duros de vencer e con toda seguridade lle daremos guerra para intentar eliminalos”, di. E iso que non se atopan no mellor momento deportivo polos resultados, sobre todo en casa (leva dúas derrotas). “Sabiamos que ía pasar e entraba dentro dos nosos plans porque é un equipo que tivo que refacerse, con xente moi nova, moitos deles nunca xogaran xuntos e iso pouco a pouco vaise notando e antes o despois tiña que pasar. O tema é como xestionalo e niso estamos, intentando facelo da mellor forma posible para lograr resultados. Necesitamos facer grupo, que a xente de fóra sinta isto como nós”, asegura.

 

O adestrador do Pizarras Los Tres Cuñados FS, Xocas Miranda.

 

E en medio dese proceso de acoplamento e adaptación tócalles xogar un partido de Copa do Rei que afrontarán como “un premio ao conseguido o ano pasado, como un reto ante un gran equipo, sabendo que malia non pasar polo noso mellor momento, ante un reto como este a xente motívase doutro xeito e sairá ao campo con outra idea de fútbol sala para sacar adiante o partido”.

O concelleiro de Deportes do Barco Aurentino Alonso asegura que para a vila “este partido é un luxo” polo que convida a toda a afección a asistir. “É un partido para desfrutar para que a xente acuda a ver un gran equipo, vexa grandes xogadores e sobre todo para apoiar ao noso porque iso é un plus para os xogadores xa que cada vez que se enche Calabagueiros rinden doutro xeito. Necesitamos á xente no campo”, insiste o segundo adestrador Roberto.

A cita será o mércores, 16 de outubro, ás 21 horas.

Fotos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button