En portadaÚltima hora

O plan de viabilidade da piscina climatizada do Barco analizarase en comisión de Deportes

Publicidade
Así o adiantaba o alcalde, Alfredo García, durante a sesión plenaria do 6 de marzo
Imaxe da sesión plenaria celebrada pola Corporación barquense o 7 de marzo./ Foto: A.R.

Hai apenas dous días chegaba ao Concello do Barco o documento que recolle o plan de viabilidade da piscina climatizada do Barco. Documento que será analizado mañá 8 de marzo nunha comisión urxente de Deportes solicitada polo PP. Así o anunciaba o alcalde do Barco, o socialista Alfredo García, durante a sesión plenaria da tarde do 7 de marzo dando resposta ademais a unha pregunta formulada polo edil de Riada Cidadá, Félix Yáñez, sobre a situación do proxecto de reforma da citada instalación municipal.

“En febreiro tivemos unha reunión coa empresa contratada para facer o plan de viabilidade, que quedou en remitilo nun par de semanas. O documento chegou o pasado martes e o secretario xa está traballando nel. Mañá 8 de marzo imos celebrar unha comisión extraordinaria urxente de Deportes na que abordaremos ese plan”, indicaba o rexedor.

Ademais adiantaba que tamén durante a mañá do 8 de marzo se procederá a adxudicar o contrato da segunda obra que se executará na piscina cuberta municipal. “Dese xeito xa poderán empezar as dúas obras”, indicaba o rexedor.

Durante esta mesma sesión plenaria resultaba aprobado por unanimidade o proxecto para a urbanización da rúa Ferrol por importe de 54.500 euros, unha actuación incluída nos plans provinciais. Tamén saían adiante por unanimidade dúas mocións (unha presentada por Riada Cidadá e outra do PSdeG-PSOE) relativas á celebración do Día Internacional da Muller e á folga feminista da xornada do 8 de marzo.

Finalmente, o alcalde tamén daba conta no pleno de que no Concello do Barco vén de recibirse a notificación de que o IDAE lle concede unha subvención para a reforma da iluminación da Casa da Cultura-Teatro Lauro Olmo e do seu sistema de calefacción. O importe total do proxecto suporá un investimento duns 360.000 euros.

Lembranza no pleno a dous ex concelleiros falecidos

A sesión plenaria comezaba cunha lembranza a dous ex concelleiros do Barco recentemente falecidos, Luis Ramos e Gustavo Gómez. O alcalde do Barco manifestaba o pesar da Corporación pola súa perda e sinalaba que ese sentir trasladaráselle ás súas familias.

Artigos relacionados

Back to top button