En portadaÚltima hora

O Plan Hidrolóxico 2022/27 da demarcación Miño-Sil, en exposición pública

Poderán presentarse propostas, alegacións ou suxerecias nun prazo de 6 meses dende o mércores 23 de xuño

 

O Boletín Oficial do Estado (BOE) deste martes publica o inicio da consulta pública do Plan Hidrolóxico 2022-2027 da demarcación do Miño-Sil, cuxos documentos poderán ser consultados na páxina web do organismo https://www.chminosil.es/es/consulta-publica-do-proxecto-plan- hidrologico-de-conca-2022-2027, para propostas, alegacións ou suxerencias no prazo máximo de 6 meses desde mañá mércores, 23 de xuño.

Neste terceiro ciclo de planificación hidrolóxica levouse a cabo unha nova caracterización, delimitación e adecuación das 279 masas de auga superficial consideradas durante o segundo ciclo, incrementándose a 287. Así mesmo, a delimitación das masas de auga subterránea -que nos ciclos de planificación precedentes eran 6- aumentou ata 24, froito da mellora do coñecemento das mesmas grazas á colaboración co Instituto Xeolóxico e Mineiro de España ( IGME).

Actualmente o 30% das masas de auga superficial e o 4% das masas de auga subterránea non alcanzan o bo estado, polo que se fai necesaria a execución do Programa de Medidas previsto no Plan. Este Programa de Medidas e a aplicación da Normativa son os elementos fundamentais que deben permitir alcanzar o bo estado en todas as masas de auga antes do ano 2028.

Saneamento e depuración

A depuración e o saneamento de verteduras urbanas é unha “das problemáticas máis sinaladas no caso da demarcación hidrográfica do Miño–Sil, debido, sobre todo, á gran dispersión poboacional que dificulta a implantación de sistemas xerais de saneamento e ás presións e impactos significativos que provoca a contaminación de tipo puntual”, tal e como destaca a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS).

Neste sentido, o Programa de Medidas inclúe 117 medidas cun custo total de 117,41 millóns de euros dos que o 52,54% será financiado pola Administración Xeral do Estado (AGE), o 23,47% polas comunidades autónomas e o 23,99% restante polas Entidades Locais.

Entre elas, cabe destacar a “Finalización do saneamento do río Barbaña e mellora da EDAR de San Cibrao das Viñas. Fase II” cun custo estimado de 29,78 millóns de euros; a “Mellora do saneamento e EDAR de Ponteareas” cun custo de 14 millóns e a “Remodelación da EDAR de Maceda e mellora na súa explotación” con 2,7 millóns.

 

 

Restauración de ríos

Na demarcación do Miño-Sil, un 28,92% das masas de auga superficial están sometidas a presións hidromorfológicas significativas. O Programa de Medidas prevé 35 medidas de mellora das condicións cun custo total estimado de 62,686 millóns de euros.
Destaca a mellora dos procesos ecolóxicos e recuperación da continuidade lonxitudinal e conectividade lateral coas súas chairas de inundación nos ríos Burbia, Miño, Ladra, Cúa, Tea e Limia, por 7,5 millóns de euros; así como a eliminación de infraestruturas en desuso como a de presa Gudín no río Faramontaos (Xinzo de Limia-Ourense) por 1,2 millóns e a presa de San Facundo no municipio leonés de Bembibre, por 2,3 millóns.

Coñecemento e gobernanza

Este novo Plan contempla “un importante esforzo investidor en materia de coñecemento e gobernanza, incluíndo 80 medidas cun custo total de 64,46 millóns de euros, todas elas financiadas pola AGE. Estas medidas comprenden a realización de estudos xerais ou de planificación hidrolóxica, con 67 medidas e un orzamento de 13,33 millóns; a xestión e administración do Dominio Público Hidráulico, con 8 medidas por importe de 20,18 millóns; e para o mantemento e mellora das redes de seguimento e información hidrolóxica ( SAIH, SAICA, Rede Piezométrica), con 5 medidas e un custo de 30,95 millóns”, tal e como se informa dende a confederación.

Cambio Climático

A CHMS participa no proxecto de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP 2014-2020) “ Risc Miño-Limia” que ten como principal obxectivo a prevención, preparación e predición de fenómenos extremos (secas e inundacións) na demarcación hidrográfica internacional do Miño-Limia, cun orzamento que ascende a 2.335.283,41 euros. En leste mesmo sentido, a través do PM realizaranse estudos de adaptación ao cambio climático por importe de 900.000 euros.

Artigos relacionados

Back to top button