OurenseÚltima hora

O Plan Rector de Usos e Xestión do Invernadeiro será aprobado en marzo polo Consello da Xunta

Adiantábao a conselleira de Medio Ambiente que nesta mañá visitaba este parque natural situado no concello de Vilariño de Conso

Ao longo do mes de marzo levarase ao Consello da Xunta a aprobación do Plan reitor de uso e xestión do Parque natural do Invernadeiro, no municipio de Vilariño de Conso. Así o anunciaba a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa visita a este espazo natural na mañá do 12 de febreiro, así como á súa aula de natureza, durante a cal estivo acompañada pola alcaldesa da localidade, Melisa Macía.

A conselleira recordou que o PRUX deste parque foi sometido a información pública o pasado mes de setembro, polo que -despois de analizar e integrar as alegacións- na actualidade estanse a recompilar os informes necesarios para abordalo no vindeiro Consello Galego de Medio Ambiente, que se celebrará a finais de febreiro; polo que o vindeiro e definitivo paso será elevado ao Consello da Xunta para a súa posterior publicación no Diario Oficial de Galicia, que ratificará a súa entrada en vigor.

Recordou que o Parque do Invernadeiro, que abarca unha extensión de case 6.000 hectáreas, segue os pasos do único Parque Nacional en Galicia, Illas Atlánticas, que vén de acadar a aprobación do seu plan reitor recentemente.

Ángeles Vázquez destacou que o parque do Invernadeiro é un dos seis parques naturais cos que conta a comunidade galega, pero este é o único que é propiedade pública ao 100 por cento desde o ano 1984, tamén é un dos lugares máis propicios para observar grandes mamíferos e conserva bosques inalterados de carballos e acivros con exemplares de máis de cincocentos anos. Nese sentido, salientou que un PRUX é un instrumento que vai a garantir o equilibrio entre o goce do patrimonio natural que alberga e a súa conservación para as vindeiras xeracións.

“Unha riqueza natural incalculable”- engadiu- que os visitantes poden coñecer a través dos 42 quilómetros que suman as seis rutas de sendeirismo que transcorren polo parque. A modo de exemplo, citou a ruta que vai pola contorna da Hedrada, recentemente creada con cargo a unha subvención da Xunta de Galicia e con Fondos FEADER, que une distintos puntos de interese nas localidades de Hedrada e San Mamede de Hedrada ata chegar ao Parque Natural.

Por último, engadiu que a Consellería seguirá a traballar para divulgar a necesidade de facer un uso respectuoso dos espazos naturais máis salientables, sen esquecer a importancia de preservalos.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button