En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O Plan Renove de Lousa 2016 incrementa a súa partida e chega aos 2,1 millóns

Anunciábao o director xeral de Enerxía e Minas na visita que realizaba a unha canteira valdeorresa o 20 de maio

Tras aprobarse 100 proxectos e consumirse o orzamento de 600.000 euros que estaba previsto no Plan Renove de Lousa 2016, a Xunta vai incrementar a súa achega “con 1,5 millóns máis para as que están pendentes de atender nesta convocatoria. Deste xeito, destinaranse un total de 2,1 millóns de euros para preto de 450 proxectos presentados, co que se aspira a mobilizar arredor de 8,5 millóns e dar traballo a 700 profesionais do sector da lousa en Galicia”. Así o anunciaba o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, na visita que realizaba na mañá do 20 de maio á canteira de lousa “Juanita”, no concello de Carballeda de Valdeorras.

Neste percorrido o director xeral estivo acompañado polo xerente do Cluster da Pizarra de Galicia, Severino González, así como por representantes do sector da lousa. Ángel Bernardo Tahoces tamén se refería a lousa como o principal referente exportador galego, “tendo en conta que vende fóra o 95% da súa produción”. E resaltaba que no primeiro trimestre do ano 2016 as exportacións desta pedra natural medraron un 67% en comparación co mesmo período do 2015.

Tras deixar a canteira, o director xeral de Enerxía e Minas tiña previsto manter unha xuntanza do sector da lousa para abordar cuestións como a restauración das escombreiras de lousa e a realización de accións promocionais en mercados como Francia e Alemaña.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button