En portadaÚltima hora

O Plan Ribeira Sacra 2020-2023 contará con 34 millóns de euros

Incluirá 7 programas con 35 accións nunha área de 3.000 km2 e en 25 concellos das provincias de Ourense e Lugo

Protección, planificación e coordinación. Son os tres eixos principais do Plan Ribeira Sacra. Plan de xestión da paisaxe cultural 2020-2023, que se presentaba esta mañá de 10 de decembro nos Peares (A Peroxa). Estará dotado con 34 millóns de euros e implicará a 5 consellerías e a 25 concellos.

Está concibido como un instrumento de planificación que se articulará en 7 programas con 35 accións, que se desenvolverán nunha área duns 3.000km2 na que viven máis de 60.00 habitantes. Incluirá melloras en eidos como: o patrimonio e paisaxe cultural; a ordenación do territorio; a conservación dos valores naturais e medio ambiente; o desenvolvemento económico sustentable, a xestión do turismo; a educación, formación e investigación ou a comunicación e participación.

 

O presidente da Xunta durante a súa intervención.

 

“É unha ferramenta imprescindible para esta zona e supón un paso relevante no camiño cara á súa inclusión na lista do Patrimonio Mundial da Unesco”, aseguraba Alberto Núñez Feijóo no acto, no que previamente interviña o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, lembrando o proceso realizado a prol desa candidatura dende 2013 ata hoxe e deu lugar, entre outros froitos, ao seu recoñecemento como Ben de Interese Cultura (BIC) na categoría de paisaxe cultural e o feito de que será a única candidatura que presentará España ante a Unesco no 2021.

 

Asistentes ao acto nos Peares.

 

Feijóo destacou que o dito plan define unha estratexia común para a correcta conservación e protección dunha zona de especial interese, a Ribeira Sacra, cuxa importancia reside no seu excepcional Románico, no seu patrimonio antropolóxico, na súa impresionante xeografía física, nas mostras de vida ermítica de occidente que alí se atopan ou nas mostras de enxeñaría asociadas ao cultivo das vides.

Cómpre resaltar que esta planificación engádese a outras iniciativas como o Plan de acción estratéxico para a Ribeira Sacra, que foi a Consello en setembro, na que se inscribe a candidatura técnica da Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel que avanza en paralelo á de Patrimonio Mundial. “Sería un gran fito para Galicia que a Ribeira Sacra obtivese eses 2 recoñecementos”, abundou.

 

Boa parte dos representantes dos concellos incluídos no plan.

 

No acto estaban presentes alcaldes ou concelleiros dos municipios da Ribeira Sacra, así como diversas autoridades como o subdelegado do Goberno en Ourense e os conselleiros de Cultura e Medio Ambiente, entre outros representantes.

 

 

Plan especial de Infraestruturas e dotacións do consorcio local dos Peares

O acto iniciábase rozando ás 13h. coa sinatura da Orde de aprobación definitiva do Plan especial de Infraestruturas e dotacións do consorcio local dos Peares, un instrumento de vangarda na ordenación do territorio que, por primeira vez, abrangue 2 provincias e 4 concellos, facendo da complexidade unha oportunidade. Tivo lugar, asegurou, só uns días despois da aprobación no Consello do Proxecto de Lei de ordenación do territorio.  O documento era asinado polos alcaldes de Pantón e Carballedo (Lugo) e polos da Peroxa e Nogueira de Ramuín.

As actuacións previstas neste plan, explicou, deixan planificados preto de 15 M€ de investimento que se irán executando co obxectivo de realizar distintas accións como: a urbanización do borde fluvial do río Búbal, a pavimentación de accesos á estación ferroviaria ou a ampliación do paseo do río Miño, que xa está en marcha. E tamén actuará como guía para a mellora das condicións estéticas.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button