SanidadeÚltima hora

O plasma de pacientes curados de coronavirus en Ourense axudará a desenvolver posibles tratamentos

O Servizo de Hematoloxía do CHUO preseleccionará aos voluntarios á doazón que deberán ter anticorpos fronte ao virus SARS-CoV-2

Entrada ao Hospital Universitario de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Hospital Universitario de Ourense súmase ao estudo de investigación que desenvolve a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) para recoller plasma con anticorpos fronte a coronavirus SARS-CoV-2, de pacientes curados da Covid na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, co obxectivo de coñecer mellor esta enfermidade e posibilitar o novas vías terapéuticas en pacientes enfermos.

A preselección dos candidatos a doazón, que será voluntaria, correrá ao cargo do Servizo de Hematoloxía, que se asegurará que os ou as doantes reunen os requisitos clínicos deste estudo autonómico. Entre eles que teña pasado un mínimo de 14 días desde a súa plena curación, ou da realización dunha proba proba diagnóstica, PCR, que determine a eliminación do virus nas vías respiratorias superiores, asi como da presenza de anticorpos en sangue, dacordo co protocolo definido pola axencia galega de doazón.

Selección de candidatos

Os candidatos que reunan estes requisitos e desexen participar poden poñerse en contacto co Servizo de Hematoloxía da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras nos teléfonos 988 385 078 ou 660 331 991 de luns a venres en horario de 9 a 15.00 h. Aí realizaranlles unha enquisa telefónica para determinar a súa idoneidade para o estudo e  indicaranlle o procedemento, tal e como informan dende o Sergas.

Unha vez seleccionados por parte do Servizo de Hematoloxía, extraeráselles plasma, no local de doazón de ADOS situado noo Hospital Universitario de Ourense, mediante aférese, sistema que permite a extracción selectiva dos compoñentes do sangue.

“Os criterios de selección de potenciais doantes establecen que os participantes tiveran diagnóstico previo de COVID-19 documentado por proba de laborario, con bo estado de saúde actual e asintomáticos, tras un mínimo de catorce días tras dar negativo na PCR e recuperación total. Así mesmo, establécese un estrito protocolo de doazón de plasma e unha determinacion de Ac anti SARS-Cov-19 (anticorpos fronte ao coronavirus)”, indican dende a consellería.

As unidades de plasma obtidas por esta vía serán “procesadas pola Axencia, criopreservadas e se almacenarán a -30ºC, o que permitirán alongar a súa vida útil para investigación ou terapia de ata dous anos. Asemade o plasma de cada doante valídase e etiquétase, atendendo aos estritos estándares de calidade marcados polo Comité de Seguridade Transfusional do Ministerio de Sanidad, e o seu uso será exclusivamente para investigación da COVID-19”, adianta o Sergas.

Artigos relacionados

Back to top button