OurenseÚltima hora

O Pleno aproba instar á Xunta a que restableza a Cirurxía Pedriática no CHUO

Na sesión de hoxe tamén aprobaron o “Plan de choque contra os atropelos” presentado por Ourense en Común
Sesión plenaria de hoxe, 7 de xullo. // Foto: Carlos Asensio.

O Pleno do Concello, celebrado hoxe 7 de xullo, aprobou unha moción, por unanimidade, para instar á Xunta de Galicia a que restableza o servizo de Cirurxía Pediátrica no CHUO. A concelleira socialista Carmen Rodríguez Dacosta, asegurou que “pretendemos ser a voz dos membros da Plataforma Salvemos a Sanidade Pública” que denunciaron ante a Fiscalía a desaparición deste servizo no complexo ourensán. Dacosta asegurou que a Xunta “quere converter o hospital ourensán nunha sucursal do de Vigo” e falou continuamente de desmantelamento.

Pola súa banda, o grupo de Ourense en Común e Democracia Ourensana amosáronse a favor das verbas desta edil, non aí o grupo Popular. A pesares de apoiar esta moción, a concelleira Sofía Godoy, fixo unha firme defensa da sanidade galega e da xestión do CHUO, cualificando algunhas afirmacións dos socialistas de “mentira”.

Outro dos temas dos que falaron hoxe Salón Nobre do Concello de Ourense foi a proposta de Ourense en Común relativa ao “Plan de choque contra os atropelos”. Segundo argumentou o voceiro deste grupo, Martiño Xosé Vázquez, “temos unha media de 60-70 atropelos ao ano cunha ou dúas vítimas mortais”, uns datos substraídos dun informe da Policía Local e que o concelleiro cualificou de “problema grave”. O que o grupo de OUeC solicitou é que se iniciasen os estudos económicos necesarios e xurídicos para facer “de xeito urxente” esas medidas mediante unha modificación creditaria.

Esta moción, contou co apoio dos grupos socialista e do Partido Popular (18 votos), cos votos en contra de Democracia Ourensana (8). Os votos en contra da agrupación liderada por Pérez Jácome foi debido a que “non estamos de acordo en facer unha modificación orzamentaria”, asegurou o voceiro. Segundo Jácome, o que propón OUeC “é botar o carro antes cas vacas” xa que para Pérez Jácome “primeiro haberá que deixar claro que é o que hai que facer e logo, se ten un custo, facer esa modificación”.

Outra das unanimidades que se deron na sesión plenaria de hoxe foi outra proposta do PSdeG-PSOE na que piden un plan de medidas “de carácter urxente” para a limpeza das vías e o desbroce da maleza. Pero menos sorte correu a moción presentada por D.O. para iniciar o estudo da construción de “turboglorietas”, que non foi adiante ao aprobaren a emenda á totalidade de Ourense en Común, apoiada polo PP e o PSdeG-PSOE, para que esta cuestión sexa levada ante a comisión técnica de Móvete por Ourense, encargados de levar a cabo o novo plan de mobilidade.

Texto: Carlos Asensio.

 

Artigos relacionados

Back to top button