OurenseÚltima hora

O Pleno aproba a retirada dos símbolos franquistas da cidade coa abstención do PP

Dúas protestas, da Policía Local e da Banda Municipal, sucedéronse mentres os edís debatían as mocións da orde do día
Sesión Plenaria de hoxe no Concello. // Foto: Carlos Asensio.

A memoria histórica do franquismo elevou hoxe, 5 de maio, a tensión no Salón Nobre do Concello de Ourense durante o Pleno Ordinario. Todo isto debeuse a que o Partido Popular abstívose nunha moción presentada por Ourense en Común na que se instaba ao consistorio ao cumprimento da Lei de Memoria Histórica que obriga a retirada de toda simboloxía fascista das cidades. En concreto, dixo a edil de Democracia Ourensana, Ledicia Piñeiro, “as placas do Ministerio da Vivenda que están nalgunhas fachadas dos antigos inmobles de protección oficial que teñen o xugo e as frechas que representan ao franquismo”. Nese senso, tanto o PSOE como Democracia Ourensana demostraron o seu apoio a esta proposta, aínda que o voceiro de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, pediulle a OUeC que aplicase a mesma vara de medir: “estou seguro de que se houbese unha praza que se chamase Fidel Castro, eles non a quererían quitar”.

En canto á abstención do Partido Popular, a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, argumentou que o seu grupo presentou unha emenda “xa que precisamos unha seguridade xurídica para retirar as placas” e que por iso se absterían na votación “xa que a emenda non foi aceptada”. Así é todo, a edil falou polo seu partido dicindo que “non toleramos ningún goberno fascista nin antidemocrático e as placas hai que quitalas porque o manda a lei”. Esta proposta finalmente foi aprobada cos votos a favor de PSOE (6), Democracia Ourensana (7) e Ourense en Común (3) e coa abstención dos 10 edís do Partido Popular.

Pero esta non foi a única ocasión na que a memoria histórica saíu á luz. A tensión xerouse cando a edil de Democracia Ourensana, Laura Nóvoa García, cualificou de “lamentable” a abstención do PP na moción da memoria histórica. Ante este cualificativo, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, rebateulle dicindo o seguinte: “vostede ten un compromiso cos seus alumnos, non malinterprete as palabras e sexa obxectiva, o digo polo ben dos seus alumnos”.

Pero a tensión entre o alcalde e unha edil non só se viviu nese momento, xa que, mentres se estaba a debater outra moción do PSdeG-PSOE na que pediron a reinversión do Superávit de 2016, 2017 e 2018 en proxectos e iniciativas de carácter social, aprobada por 19 votos a favor e 7 abstencións de Democracia Ourensana, entraron os membros do Sindicato de Policías Locais protestando pola modificación de quendas o pasado mes de marzo e “pola xestión arbitraria e caciquil da xefa do corpo”, asegurou a edil de OUeC, Ledicia Piñeiro.

 

Protesta da Policía Local polos cambios de turno. // Foto: Carlos Asensio.

Esta edil, no seu argumentario sobre esta moción, falou da corrupción no Partido Popular de xeito xeral “rouban no público e logo piden austeridade”, facendo referencia á lei de estabilidade orzamentaria do ministro Montoro. Ante esas verbas, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, non dubidou en pedirlle que cando acusase a alguén, “aínda que sexa do meu partido, dea nomes e apelidos, porque no Partido Popular somos moitos” e comezou co “y tú más”: “eu non a meto no mesmo saco ca os seus compañeiros de A Coruña, que deixaron 6.000 horas de dependencia sen cubrir”. Outra das reivindicacións que se deron ao comezo deste pleno foi a da Banda Municipal, que reclaman a falta de información nos procesos de contratación.

Finalmente, o último momento tenso vivido no Salón Nobre foi no debate da moción de Democracia Ourensana na que demandan o AVE a Vigo e a Lugo. Gonzalo Pérez Jácome argumentou que prefería que houbese unha Estación de Empalme en Ourense e perder os catro minutos que aforrarían coa variante exterior en dirección Madrid. Pola súa banda, o voceiro de OUeC, Martiño Xosé Vázquez, cualificou de “erro” o de promover destinos lonxanos “cando na provincia os veciños de Ribadavia non poden vir a Ourense pola falta de frecuencias”, e reivindicou un servizo de cercanías: “nos estamos metendo de novo na burbulla dos aeroportos e as estacións”, dixo.

Pero o momento tenso chegou cando o PSdeG-PSOE abstívose na emenda presentada a esta proposta por Ourense en Común e votou en contra da emenda presentada polo PP: “é curioso o xogo que fixo, señor Barquero, de absterse nunha e votar en contra da outra, se eu mirase esta foto fixa sacaría un titular dicindo que o Partido Socialista prioriza Vigo e non Ourense”. Tras as voces alzadas e o rebumbio, finalmente foi aprobada esta moción por 13 votos a favor e a abstención dos 13 concelleiros do Partido Popular.

Despedida de Pablo Prol

O concelleiro de Democracia Ourensana, Pablo Prol, presentaba hoxe a súa renuncia ao cargo como edil da corporación. Para despedirse, presentoulle á cámara unha moción na que instaba ao Goberno Municipal a conquerir algunhas unidades de autobús propulsado por Biogás xerado pola nova EDAR. Unha moción que foi aprobada por unanimidade. Todos os seus compañeiro desexáronlle o mellor e dedicáronlle, na medida que puideron nas súas intervencións, unhas verbas de apoio e agarimo.

Texto: Carlos Asensio.

 

Artigos relacionados

Back to top button