ConcellosO BarcoÚltima hora

O pleno barquense acorda a suspensión dos actos que restan do Cristo, agás os dirixidos a nenos

A corporación municipal aprobaba por unanimidade unha declaración institucional tras a morte violenta dunha moza o pasado venres

Sesión plenaria extraordinario no Barco neste luns.

 

Tres días despois de coñecerse a morte con signos de violencia dunha moza residente no Barco, de nacionalidade paraguaia, a Corporación barquense celebraba un pleno ás 13:30h. deste 13 de setembro no que aprobaba, por unanimidade dos catro grupos políticos con representanción (PSdeG-PSOE, PP, Riada Cidadá e BNG) “amosar a consternación pola morte violenta da nosa veciña”, así como enviar “a nosa solidariedade e apoio á familia e amigos da vítima, aos que trasladamos as nosas condolencias”. Ademais, o Concello do Barco ponse “a disposición dos familiares e da embaixada de Paraguai para colaborar na medida das nosas posibilidades” para que o corpo da moza “poida ser repatriado ao seu país de orixe e cumprir así o desexo xa expresado pola súa familia”.

Ademais, a Corporción acordaba que, “dado que O Barco está a celebrar o Cristo, decídese tamén a suspensión de tódalas actividades do programa cultural elaborado para estes días, excepto ás dirixidas aos nenos”.

O programa festivo do Cristo iniciábase o pasado venres 10 de setembro e tiña previsto rematar mañá martes día 14. Nestes momentos só restaban por desenvolver seis actividades, das cales dúas son infantís (previstas na praia fluvial e que agora se trasladan ao Teatro Lauro Olmo). O alcalde tamén aclaraba que os concertos previstos para esta noite (Susana Seivane) e para mañá (Tanxugueiras) serán reprogramados.

Dende o PP, a súa voceira municipal, Sabina Aguado, propoñía que os concelleiros non cobrasen a asistencia a este pleno extraordinario.

De seguido reprodúcese, íntegra a declaración institucional aprobada no pleno barquense.

 

Artigos relacionados

Back to top button