ConcellosÚltima hora

O pleno barquense acorda pedir ao goberno central a creación dunha unidade de estranxeiría na vila

O acordo, no que se destaca que esta oficina daría servizo a toda a comarca de Valdeorras, tomabáse por unanimidade na sesión celebrada na tarde do 5 de abril
Un dos momentos da sesión plenaria do 5 de abrll no Barco.

Das 18 unidades de Estranxeiría e Documentación coas que conta na actualidade Galicia, tan só dúas están na provincia de Ourense: unha na capital e outra en Verín. Así o destacaba o voceiro do grupo municipal socialista do Barco, Aurentino Alonso, na exposición da moción que este grupo político presentaba no pleno municipal do 5 de abril para pedir a creación dun servizo deste tipo no Barco. “Ourense é a provincia con menos unidades de toda Galicia, a pesar de que é a máis extensa”, sinalaba Alonso.

Tamén explicaba que a capital da provincia está “a 120 quilómetros e as deficiencias das comunicacións por estrada dificultan aínda máis as viaxes a Ourense. Por iso, os veciños adoitan acudir a Monforte (Lugo) ou Ponferrada (León) para a expedición da súa documentación. Nestes momentos a expedición do DNI préstase en Valdeorras con visitas periódicas dunha unidade itinerante da Policía Nacional, que acode ao Barco unha vez ao mes, como máximo, para realizar esta función. Pero non se realizan trámites para o pasaporte nin para a documentación de estranxeiría”, continuaba Aurentino Alonso.

Nesta moción, que resultaba aprobada cos votos dos tres grupos políticos da Corporación barquense (PSdeG, PP e Riada Cidadá), acordábase “instar ao goberno do Estado á creación, no Barco de Valdeorras, dunha Unidade de Estranxeiría e Documentación, que dea servizo a toda a comarca de Valdeorras”.

Nesta sesión plenaria tamén resultaba aprobada por unanimidade, entre outros puntos, outra moción, que acababa convertíndose en declaración institucional co acordos dos tres grupos, relativa á “adhesión á proposta sobre o corredor ferroviario Ourense-Lugo-Monforte-O Barco-Ponferrada-Palencia”. O acordo tomado é “instar ao goberno do Estado a que adopte as medidas políticas, administrativas e financeiras necesarias para o impulso inmediato” da citada liña ferroviaria.

Artigos relacionados

Back to top button