ConcellosÚltima hora

O pleno barquense aproba a modificación da ordenanza de instalación de terrazas

Era un dos puntos que saían adiante na sesión celebrada na tarde do 3 de marzo
Un dos momentos do pleno celebrado no Barco o 3 de marzo.
Un dos momentos do pleno celebrado no Barco o 3 de marzo.

Con once votos a favor (os dos concelleiros socialistas e o do edil de Riada Cidadá) aprobábase no pleno barquense a modificación da ordenanza reguladora da instalacións de terrazas no municipio. Cos cambios adoptados, en base a un informe técnico, preténdese harmonizar o uso hostaleiro das terrazas con mesas e cadeiras coa accesibilidade dos peóns nesas rúas. Entre as modificacións figuran cuestións relativas á colocación das terrazas, así como ao límite de número de mesas e cadeiras por cada unha delas, a limitación do emprazamento das mesas, etc. Ademais será a Policía Local a encargada a partires de agora de controlar o cumprimento da normativa municipal, tal e como explicaba o portavoz socialista, Aurentino Alonso.

O concelleiro de Riada Cidadá sinalaba que “antes de facer o informe era necesario ter en conta ao sector hostaleiro para recoller propostas e discutilas”. Ante isto o alcalde do Barco, Alfredo García, respostaba que “no seu momento déuselle opcións ao sector, envióuselle a ordenanza para que a viran e presentaran propostas”.

Por outra banda, o portavoz municipal do PP no Barco, Arsenio Moldes, referíase na súa intervención á posibilidade de que os hostaleiros puidesen cubrir as súas terrazas, “tal e como se fai noutras cidades”. Para o rexedor barquense, “ese é un problema de estética. Penso que ao final acabaríamos estropeando a estética do Malecón ou doutras rúas. Esa é unha cuestión que unhas cidades permiten e outras non”. Finalmente o PP abstívose na votación.

Nesta sesión plenaria tamén se aprobaba a modificación do artigo 27 de ordenanza de Policía, Bo Goberno e Convivencia co que se buscaba “resolver o problema das queimas de rastroxo e maleza nos solares do casco urbano. Agora estaba prohibido todo, pero con este cambio fáiselle un engadido ao artigo dicindo que se prohibe salvo autorización desde o Concello”, apuntaba o socialista Aurentino Alonso. O punto saía adiante con 16 votos a favor (PP e PSOE) e cun en contra (Riada Cidadá).

Tamén se presentaba no pleno unha moción de Riada Cidadá pedindo a remunicipalización do servizo de recaudación do Barco, que foi rexeitada.

Artigos relacionados

Back to top button