En portadaÚltima hora

O pleno barquense aproba a ordenanza reguladora da piscina climatizada

Este punto saía adiante cos votos a favor do grupo de goberno socialista e coas abstencións da oposición

Na sesión plenaria celebrada na tarde do 4 de xullo a Corporación do Barco aprobaba inicialmente a ordenanza reguladora do servizo público municipal da piscina climatizada. “Ata agora tiñamos un regulamento e o que procede é ter unha ordenanza na que dun xeito explícito queden incluídas unha serie de normas tanto de acceso, como de aforo como de dereitos de admisión, así como o regulamento de uso das distintas partes da propia instalación, xunto coas taxas e os prezos que van rexer para a nova concesión do vindeiro período, que en principio sería por cinco anos”, explicaba o voceiro socialista, Aurentino Alonso.

Matizaba que os prezos que se tiñan ata agora eran do 2011 “e nunca foron actualizados” e que a principal novidade nas taxas sería na entrada individual que pasaría do 1,44 euros (sen IVE), que había ata agora, aos 4,12 euros (sen IVE). “A maior parte das taxas van baixar, agás a da entrada individual, xa que ese custe non era lóxico”, dicía Alonso

Dende a oposición, Félix García de Riada Cidadá lembraba que o seu grupo sempre se opuxo á privatización da piscina e pedía novamente que “non se xestione externamente, senón que a asuma directamente o Concello”. Indicaba que “non nos opoñemos á actualización das tarifas, pero si á externalización por iso nos imos abster”.

 

 

Tamén se abstiña o edil do BNG e os cinco concelleiros do PP, cuxa portavoz, Sabina Aguado, pedía ademais explicacións sobre por que “existindo a posibilidade de reclamar nestes anos un diñeiro, tendo en conta as deficiencias que tiña a piscina dende o principio, por qué non se fixo aínda”. Ante isto, Aurentino Alonso contestaba que agora “o Concello xa ten datos fehacientes sobre a obra e imos presentar unha reclamación completa a quen proceda. Ademais aínda estamos dentro do tempo de responsabilidade decenal”. Deste xeito, a ordenanza saia adiante cos dez votos a favor do grupo de goberno socialista e coa abstención da oposición.

 

 

Por outra banda, ao final do pleno, o alcalde do Barco, Alfredo García, anunciaba que neste mesmo mes de xullo convocarase unha sesión extraordinaria para aprobar o prego da piscina climatizada de cara poder sacalo a concurso por un período de cinco anos.

Moción do BNG sobre o inventario de patrimonio do Concello

Na orde do día do pleno tamén figuraba unha moción presentadada polo concelleiro do BNG, Suso Vilasánchez, para “acadar no primeiro trimestre do 2020 o cumprimento normativo no inventario de patrimonio do Concello do Barco”. No texto desta moción, Vilánchez referíase ao informe emitido pola secretaría do Concello do Barco en materia de inventario municipal no que, citaba textualmente, “este documento non se atopa actualizado e rectificado. É un documento incompleto” e ademais “non ofrece as garantías de autenticidade que aporta a fe pública da Secretaría”.

 

 

Ante isto, o edil nacionalista pedía “acadar no primeiro trimestre do 2020 o cumprimento normativo no inventario de patrimonio do Concello e presentar o novo documento á Corporación no primeiro pleno ordinario do mes de marzo”.

Dende o PP a súa voceira, Sabina Aguado, amosaba o apoio do seu grupo á moción, “parécenos razoable que se faga conforme á legalidade dicía”; mentres que dende o grupo de goberno socialista, Aurentino Alonso, comentaba que si existe no Concello un inventario feito e mesmo un plano feito coas referencias de cada unha desas propiedades, e ata fichas de moitos dos edificios. “O Concello ten moito avanzado, pero é certo que temos que adaptarnos á lexislación, se ben o prazo que nos propoñen na moción é escaso e pedimos que se amplíe ata o 31 de decembro de 2020, a ver se podemos ter o inventario rematado”.

A emenda introducida polos socialistas era aprobada por unanimidade e este punto tamén saía adiante cos votos favorables de toda a Corporación.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button