En portadaÚltima hora

O pleno barquense aproba o prego de condicións para licitar a xestión da piscina climatizada

Este punto saía adiante só con nove votos a favor socialistas, xa que o PP e o BNG abstíñanse, mentres o edil de Riada Cidadá votaba en contra
A Corporación barquense durante a sesión plenaria extraordinaria do 18 de xullo./ Foto: A.R.

A Corporación barquense celebraba unha sesión extraordinaria na tarde do 18 de xullo en cuxa orde do día se incluía a aprobación do expediente de contratación para a licitación da xestión da piscina municipal climatizada. “Na anterior sesión plenaria traíamos a ordenanza reguladora do servizo e agora presentamos todo o expediente para poder sacalo a concurso”, explicaba o voceiro municipal do PSdeG-PSOE, Aurentino Alonso.

Deseguido detallaba que se trata dun contrato a cinco anos sen posibilidade de prórroga, cun servizo de 70 horas á semana, “igual que no anterior prego e cuns horarios idénticos”, así como cun peche técnico por limpeza no mes de agosto. Tamén inclúe medios materiais, instalacións e maquinaria e establece uns grupos mínimos de actividades, un total de doce á semana, entre outro temas. Á hora de puntuar as ofertas que presenten as empresas o Concello valorará cuestións como o criterio de menor contía pública, a ampliación do horario mínimo establecido, máis actividades, etc.

O voceiro municipal de Riada Cidadá, Félix García, aseguraba que tal e como está plantexado o expediente, a xestión “é unha ganancia pura e dura para a empresa, non hai taxa de retorno para o Concello, que si fixo un investimento de case 500.000 euros, e aínda por riba imos financiar con 100.000 euros ao ano á empresa. É certo que a piscina hai que tela, é boa para a poboación en temas de saúde e deportivos, pero sairíanos máis barata se a xestionase directamente o Concello tal e como xa fai con outras instalacións municipais como o campo de fútbol ou como o conservatorio, por exemplo”. E nese senso, anunciaba o seu voto en contra.

Pola súa banda, a voceira municipal do PP, Sabina Aguado, lembraba que, malia que na maior parte dos casos os abonos da piscina van baixar, “vai haber abonos familiares máis caros”, e que “dende hai anos prometéusenos que se ía facer a reclamación correspondente á empresa que realizou a obra por non estar en condicións. A última vez foi no pasado pleno, non imos aprobar nada mentres iso non se faga, e ademais o prazo para poder reclamar segue correndo”.

 

O alcalde do Barco, Alfredo García, durante unha intervención no pleno./ Foto: A.R.

 

Dende o partido socialista, Aurentino Alonso contestáballe que “si imos facer esa reclamación das obras, pero aínda non temos o informe final do estado no que se atopan todas as partes da instalación. A partir dese informe real faremos a reclamación, mantemos ese compromiso”.

Finalmente o prego de condicións para sacar a concurso a piscina cuberta do Barco saía adiante unicamente cos nove votos a favor socialistas (faltaba á sesión o concelleiro Orlando Saavedra), xa que PP e BNG abstíñanse e Riada Cidadá votaba en contra.

Neste pleno tamén se aprobaban, entre outros asuntos, a bonificación do ICIO nas obras de rehabilitación do CEIP Condesa de Fenosa. “Unha vez aprobado o ICIO, mañá daráselles licenza para que podan empezar a traballar no verán”, sinalaba o alcalde barquense, Alfredo García.

Artigos relacionados

Back to top button