ConcellosÚltima hora

O Pleno da Deputación acorda facerse cargo da redacción executiva dos impostos de Petín

 

A cámara provincial tamén aprobou abrir unha liña de colaboración coa Xunta en materia de incendios e que as Conferencias Hidrográficas informen ao ente provincial da situación da seca ourensá
Pleno ordinario da Deputación.

O Pleno da Deputación, celebrado hoxe, 30 de xuño, acordou a delegación no ente provincial das facultades do Concello de Petín en materia de redacción executiva de impostos. Concretamente do IBI, o imposto sobre vehículos de tracción mecánica, imposto sobre actividades económicas, imposto sobre construcións, instalacións e obras; imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana, a taxa pola recollida de residuos urbanos e taxa polo abastecemento, depuración, saneamento e demais conceptos do ciclo da auga.

Dita delegación rexerase polas condicións xerais establecidas pola Deputación para a delegación de competencias nesta materia.

Asemade, na sesión plenaria de hoxe aprobouse o programa provincial de cooperación cos concellos en materia de mocidade para o ano 2017, un programa que ten como obxectivo contribuír ao financiamento das actividades desenvolvidas polos concellos da provincia en prol da mocidade ao longo deste ano. Así, poderán ser beneficiados del os concellos de menos de 20.000 habitantes que desenvolvan actividades con este fin, sempre que foran autorizadas a partir do 1 de xaneiro de 2017. Cada concello poderá acadar unha axuda cunha contía máxima de 6.000 euros, sendo a dispoñibilidade orzamentaria total destinada para este programa de 546.000 euros. Así como unha liña de colaboración entre o ente provincial e os concellos para facilitarlle os estudos e informes técnicos precisos na elaboración dos seus inventarios en bens inmobles.

Por outra banda, a cámara provincial acordou abrir unha liña de cooperación coa Xunta en materia de prevención de incendios coa colaboración dun “estudo urxente” para a presentación de franxas de biomasa como medida de protección contra incendios forestais nos núcleos dos concellos.

Outra das cousas que os deputados aprobaron en pleno foi a iniciativa de instar aos organismos de conca con competencias na provincia de Ourense (Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Confederación do Duero), así como á Consellería de Medio Ambiente, a que realicen “con carácter de urxencia” estudos da situación actual da seca na provincia, e que informen puntualmente á Deputación sobre as análises que estes organismos, encargados do seguimento do estadío dos ríos e encoros, fan da seca ourensá. Ademais, a Deputación levará a cabo un seguimento polo miúdo da evolución da seca, estudando a adopción de medidas concretas nos casos máis graves que podan xurdir nos concellos da provincia.

Artigos relacionados

Back to top button