ConcellosÚltima hora

O pleno da Deputación aproba definitivamente o proxecto da estrada a San Vicente

Imaxe dun tramo da estrada a San Vicente./ Foto cedida.

Entre os asuntos da orde do día do pleno que a Corporación provincial de Ourense celebraba na mañá do 23 de marzo figuraba a aprobación definitiva do proxecto de trazado do acceso ao núcleo de San Vicente de Leira (Vilamartín) dende a estrada OU-0807, un punto que resultaba aprobado.

O acordo que saía adiante incluía propoñerlle ao Consello da Xunta de Galicia que, “previo o informe da Consellería de Territorio e Infraestruturas, se dite resolución no procedemento do proxecto de trazado do acceso ao núcleo de San Vicente de Leira dende a estrada OU – 0807, promovido pola Deputación Provincial de Ourense”, dando conta das alegacións estimadas e das que non o foron.

Tamén se fai constar que “a urxencia da actuación (da que depende dar unha solución axeitada ao acceso ao núcleo de poboación de San Vicente de Leira, cuxa problemática se ven arrastrando dende hai máis de vinte anos) impide tramitar a súa incorporación no Plan director de estradas de Galicia, no plan sectorial de estradas da Deputación (que non existe ao día da data) ou no planeamento urbanístico municipal”.

Finalmente o acordo tomado implica ademais a súa notificación “aos interesados que formularon alegacións no expediente e ás administracións públicas afectadas ás que se requiriu informe”.

Artigos relacionados

Back to top button