ConcellosÚltima hora

O pleno da Deputación vota a favor de apoiar aos concellos afectados pola agrupación dos Rexistros da Propiedade

O pleno tamén apoiou, por unanimidade, a proposta do PSdeG-PSOE sobre a declaración da Ribeira Sacra como patrimonio da humanidade e o apoio ao Ateneo de Ourense con 22 votos a favor e 3 abstencións
Pleno da Deputación.// Foto: Carlos Asensio. 

O pleno da Deputación de Ourense, celebrado hoxe 31 de marzo, vén de posicionarse a favor dunha Declaración Institucional na que a institución provincial presta o seu apoio aos concellos que quedan sen rexistro da propiedade pola reagrupación das mesmas. Entre eses rexistros afectados están os de O Barco- A Pobra de Trives e Verín-Viana do Bolo, que desaparecen. E os de Allariz-Bande-Celanova, Carballiño-Rivadavia se verán reagrupados. Esta Declaración Institucional foi aprobada grazas aos votos a favor dos grupos Popular e Socialista, é dicir, un total de 22. Pola contra, os nacionalistas e Democracia Ourensana abstivéronse (3 votos). En palabras do representante do segundo grupo, Armando Ojea: “non vemos que o rexistro da propiedade sea un servizo ao que a xente acuda con asiduidade, por iso non son necesarias tantas oficinas”.

Por outra banda, o pleno provincial aprobou, por unanimidade, a moción presentada polo grupo provincial Socialista na que se instaba ao goberno provincial a continuar traballando para que a Ribeira Sacra fose declarada Patrimonio da Humanidade.

Os voceiro Socialista, Francisco José Fraga, argumentou que esta solicitude “leva 18 anos parada” e que o Goberno da Deputación “mantivo varias reunións de traballo pero que o expediente segue ancorado na Consellería de Cultura”. Ante estas alegacións, a deputada do Partido Popular, Ana Villarino, lembroulle a Fraga que antes de que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade, ten que ser declarada Ben de Interese Cultural, “e a Deputación estivo traballando para que así fose”. Asemade, engadiu que o presidente da Deputación, Manuel Baltar, manterá unha xuntanza co conselleiro de Cultura o vindeiro 3 de abril “na que se tratará tamén o tema da Ribeira Sacra”, dixo.

O deputado Socialista, José Fraga, rematou dicindo que a intención do seu grupo é “que non se volva caer no mesmo” e dixo que “no precisamos máis museos nesa zona, o que precisamos é que se lle dea á Ribeira Sacra o recoñecemento que se merece”. Pola súa banda, dende Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, cualificou esta proposta de “pretenciosa” pero dixo que votarían a favor “porque non seremos nós os que neguemos á Ribeira Sacra ese recoñecemento”.

Ateneo

Outra das resolucións que saíron favorables foi a da Declaración Institucional de Apoio ao Ateneo. Esta moción foi aprobada por practicamente toda a cámara, salvo dous votos en contra de Democracia Ourensana.

En canto aos outros puntos do día. O Pleno da Deputación rexeitou as dúas mocións presentadas polo BNG. A primeira, con 22 votos en contra e 1 a favor, foi a de demandar un sistema de concerto para financiar os servizos públicos de Galicia; e a segunda, con 11 votos a favor e 14 en contra e dúas abstencións, a de posta en marcha dun Plan especial para axudas e mellora rural aos concellos.

Outra das propostas rexeitadas, con 3 votos a favor e 14 en contra, foi a presentada por Democracia Ourensana relativa á adopción de medidas para loitar contra as especies vexetais invasoras.

Finalmente, deste pleno saíron aprobadas a moción do Grupo Socialista sobre centros de información á muller, por unanimidade; a da delegación na Deputación provincial do exercizo das competencias do Concello de Melón en materia de xestión recadatoria (21 a favor e 3 abstencións); a modificación da Ordenanza que regula as taxas de expedicións de documentos catastrais ( 14 a favor, 8 en contra e 3 abstencións) e, por unanimidade, a Moción do Grupo Popular para o estudo de implantación dunha taxa ás liñas de transporte eléctrico, oleoductos, viaductos e outros, por ocupación de dominio público.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button