ConcellosÚltima hora

O pleno de Castrelo do Val rexeita o peche do paritorio de Verín e reclama “respecto polos dereitos sanitarios do rural”

 

Na sesión ordinaria celebrada o 5 de decembro o pleno da Corporación do Concello de Castrelo do Val aprobaba unha declaración institucional, secundada por todos os grupos políticos, “en contra do desmantelamento dos servizos públicos que se prestan no Hospital Comarcal de Verín” e na que se insta “á Xunta de Galicia e ao Sergas a que se recuperen, manteñan e melloren os servizos de pediatría e paritorio no centro sanitario de referencia da bisbarra”.

Na declaración tamén se aborda a “diminución progresiva das prestacións sanitarias no hospital comarcal e tamén na atención primaria na comarca”. Para o alcalde de Castrelo do Val, Vicente Gómez, “non só se trata do paritorio de Verín ou das urxencias pediátricas, cuestións importantísimas para o asentamento poboacional, senón dos déficits que vimos padecendo en moitos dos servizos, tales como cirurxía, traumatoloxía, dermatoloxía, anestesia ou paliativos, rexeitamos a decisión da Xunta e do Sergas porque non somos números, somos persoas con dereitos en pé de igualdade con outras zonas”.

Dende o Concello de Castrelo do Val considérase que esta declaración supón “un paso adiante para manifestar o sentir xeralizado da veciñanza, farta de ser tratada como cidadanía de segunda. O desmantelamento afecta singularmente aos municipios rurais, con poboacións avellentadas como Castrelo do Val; impedindo, por unha banda, o asentamento da poboación e, por outra, derivando aos maiores a Ourense para seren tratados de diversas doenzas típicas da súa idade, como poden ser as de traumatoloxía”.

Tamén se asegura dende o Concello que a perda do paritorio de Verín, “unha decisión sen precedentes que foi executada con velocidade, obriga, desde xa, a que os partos no sistema público de saúde de mulleres da comarca de Verín sexan desprazados a Ourense. Isto obriga a desprazarse máis de 100 km a moitas futuras nais, desviando un servizo tan básico como un hospital próximo”.

 

Artigos relacionados

Back to top button