ConcellosQuirogaÚltima hora

O pleno de Quiroga aproba a ordenanza, estudo de viabilidade, contratación e xestión do futuro cemiterio civil

Un dos momentos da sesión plenaria deste venres en Quiroga.

 

Na sesión plenaria que a Corporación quiroguesa celebraba esta mañá resultaba aprobada a Ordenanza Fiscal Reguladora da taxa pola prestación de servizos no Cemiterio Municipal e outros Servizos Fúnebres, así como tamén o expediente de contratación, estudo de viabilidade e pregos de cláusulas administrativas particulares e condicións técnicas que han de rexer no contrato de xestión do servizo público para a construción, xestión e explotación do cemiterio municipal de Quiroga, segundo informa o Concello.

Tras o visto bo por parte do Consello da Xunta para a ocupación dos terreos, a próxima semana ábrese o prazo para que se presenten contratistas interesados na construción tendo o prazo dun ano para a execución dos traballos e de cincuenta anos para a súa explotación. As previsións municipais é arrancar coas obras no próximo mes de setembro.

Para a súa construción será precisa a ocupación de 3.647 metros cadrados de superficie e investir preto de 560.000 €. A maiores urbanizarase unha nova rúa que dará servizo ao cemiterio e unirá a rúa Tallos co cuartel da Garda Civil, que alcanzará un presuposto de 200.000 euros.

Trátase, segundo o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, dunha obra moi importante e cun investimento total que superará os 700.000 €. En palabras de Álvarez, “ Quiroga contará por fin, cun cemiterio civil acorde ás necesidades dun municipio como o noso, cunha ordenanza moi avanzada e progresista, e cunha extraordinaria e potentísima inversión”.
A decisión de construír un cemiterio, o primeiro de carácter municipal, vén dada pola necesidade de contar cun lugar para acoller aos defuntos, posto que o cemiterio da parroquia de Quiroga xa non ten dispoñibilidade de máis terreo. A lei de competencias municipais di que é obrigación dos concellos dispoñer dun terreo mortuorio, polo que o concello deberá realizar esta obra.

 

 

O proxecto do novo recinto, endosado ao actual cemiterio, ten unha superficie de 3.326 m2, no que se construirán 1.154 unidades de enterramento novos entre panteóns e nichos. Tamén contará con dous columbarios para depositar as urnas das cinzas con 42 espazos cada un; e un local de culto aconfesional. E incluso se traballa na posibilidade de reservar un espazo para o enterramento de mascotas.

Dende o novo recinto crearase unha rúa en diagonal e unha serie de rúas que facilitarán o acceso a todos os servizos do cemiterio así como ao antigo campo santo.

“Aínda que o novo cemiterio estará unido ao actual, o anterior seguirá sendo de carácter eclesiástico e o novo será municipal, polo que o seu terreo será tamén da súa propiedade. Para o seu bo funcionamento levouse a cabo un acordo co Bispado de Lugo para que o concello se encargue do mantemento dos dous e a Igrexa será quen se encargue da documentación en canto a asentamentos e rexistros tamén dos dous”, segundo informa o Concello de Quiroga.

Artigos relacionados

Back to top button