OurenseÚltima hora

O pleno de Río abordará cambiar de nome de praza do Concello para poñerlle praza Gabino Rodríguez

Será na sesión ordinaria prevista para o vindeiro 30 de xullo. Gabino Rodríguez desempeñou durante máis de 60 anos tarefas de administrativo e secretario do Xulgado de Paz deste municipio
Gabino Rodríguez Álvarez./ Foto cedida polo Concello de San Xoán de Río.

Entre os puntos da orde do día da sesión plenaria ordinaria que a Corporación de San Xoán de Río celebrará o vindeiro martes 31 de xullo figura a proposta para cambiar o nome de praza do Concello polo de praza de Gabino Rodríguez Álvarez, segundo adianta o seu alcalde, Xosé Miguel Pérez.

Gabino Rodríguez (1930, Navea, Trives-2014 Ourense) desenvolveu durante máis de 60 anos tarefas de administrativo e de secretario do Xulgado de Paz no Concello de San Xoán de Río. “Incluso de xubilado, momento que chegou no ano 1995, seguía asistindo diariamente ao consistorio por se tiña que botar unha man. A súa memoria privilexiada facía que, se xurdía unha dúbida sobre calquera dato, acudiran a el. Ademais de cumprir coas súas funcións co máximo esmero, sempre estaba disposto a axudar de forma totalmente desinteresada a calquera veciño que o necesitara: asesoramento, axuda na confección de documentos privados, etc. E sempre cunha cara amable”, tal e como informan dende o Concello.

Tamén destacan que “durante a súa vida laboral pasaron varios alcaldes, secretarios, xuíces de paz, auxiliaries, porteiros… e con todos eles traballou cóbado con cóbado polo ben do Concello”.

Artigos relacionados

Back to top button