ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

O pleno de Río acorda subir os impostos que afectan aos parque eólicos

Búscase que a súa instalación teña "o maior retorno económico na zona", asegura o alcalde

Imaxe dunha sesión plenaria anterior en San Xoán de Río.

 

No vindeiro ano 2022 o Concello de San Xoán de Río modificará os seus festivos locais. Así o acordaba a súa Corporación na sesión plenaria deste mes de xullo. Así decidíase escoller como festivos locais o 24 de xuño – San Xoán, patrón do concello, e o 11 de novembro – San Martiño. “Pasamos o festivo local dun venres en agosto ao 11 de novembro para facer unha clara aposta por potenciar os lazos con Ourense e coa época de Magostos”, sinala o alcalde de Río, Xosé Miguel Pérez.

Durante a sesión tamén se aprobaba modificar o ICIO (Imposto de Construcións Intalacións e Obras). “Subimos o tipo máximo todos os impostos que afectan aos parques eólicos. Queremos que se fagan os eólicos en San Xoán de Río canto antes, pero queremos que teñan o maior retorno económico na zona, e, polo tanto, por parte do Concello aumentamos os impostos o gravamen máximo que únicamente afectarán a estas instalacións”, destaca o rexedor.

Outro dos asuntos abordados no pleno era a adquisición dunha plataforma elevadora para poder realizar diversos labores no municipio. “Cos cartos aforrados do Concello, sacamos a licitación a compra dunha pick-up con plataforma elevadora, tanto para traballar no cambio das luminarias avariadas como para cortes e podas en altura, para que as estradas e camiños estén nas mellores condicións cos menos riscos para os nosos traballadores”, asegura Xosé Miguel Pérez.

Na sesión tamén resultaba aprobada a instalación dun caixeiro automático en San Xoán de Río, para o cal o Concello cederá un local, así como un suplemento de crédito. “Debido ao gran número de subvencións que acadamos neste ano, tivemos que facer unha modificación orzamentaria para ter crédito suficiente, cos aforros xerados, para poñer a nosa parte nalgúns dos proxectos que verán a luz este ano (brigadas medioambientais, arranxo de estradas, parque infantil cuberto, etc)”, resalta o alcalde.

Finalmente tamén se lle daba luz verde na sesión á conta xeral do exercicio 2020. “Deixamos aprobadas e listas as contas do exercicio de 2020 co tempo suficiente para non ter ningún tipo de penalización de cara a solicitar subvencións nos vindeiros anos”, conclúe Xosé Miguel Pérez.

Artigos relacionados

Back to top button