ConcellosÚltima hora

O pleno do Barco aproba a rescisión do contrato da xestión da piscina climatizada

Este punto saía adiante cos 16 votos a favor do partido socialista e do PP e co voto en contra de Riada Cidadá

 

Un dos momentos do pleno celebrado no Barco na tarde do 7 de xuño./ Foto: A.R.

A finais de xuño a piscina climatizada do Barco deixará de estar xestionada por Viaqua, tras un acordo entre esta empresa, cuxa concesión vencía dentro de ano e medio, e o Concello. Na sesión plenaria celebrada na tarde do 7 de xuño a Corporación barquense aprobaba, cos 16 votos a favor do PSdeG-PSOE e PP e co voto en contra de Riada Cidadá, a resolución “por mutuo acordo do contrato de xestión do servizo público” desta piscina cuberta, que comezaba a funcionar no 2010.

A instalación pechará temporalmente as súas portas para realizar unha serie de obras de mellora necesarias dadas as diversas deficiencias que presenta esta infraestrutura deportiva e, ao mesmo tempo, porase en marcha o procedemento para a nova concesión, tal e como sinalaba o voceiro socialista no pleno e tamén concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso. O custe desas obras farase contra o canón que a empresa concesionaria aboará polo total da concesión (dez anos), malia non completar o tempo da mesma. “O canon total son 300.000 euros dos que quedan 232.436 euros porque o resto foi investido xa en obras”, matizaba Alonso.

 

Público asistente ao pleno./ Foto: A.R.

 

O voceiro municipal do PP, Arsenio Moldes, amosaba o apoio do seu grupo a este punto para que “a piscina siga aberta”, ao mesmo tempo que pedía que a nova empresa que asuma a súa xestión “manteña aos traballadores nas mesmas condicións”. Por outra banda, o concelleiro de Riada Cidadá, Félix García, anunciaba o seu voto en contra e criticaba as negoacións realizadas entre o Concello e a empresa, “para nós esta rescisión, se se asina, vai contra os intereses do Concello”. E, como “alternativa”, propoñía “unha xestión municipal directa empregando aos actuais traballadores que non se acollan á indemnización”.

Ante esta posición, Aurentino Alonso sinalaba que “nin os técnicos, nin o secretario da Deputación de Ourense acaban de ver solución de subrogación directa, non é factible tal e como está o contrato, e a instalación ten que estar pechada dous ou tres meses para poder realizar as obras. Temos máis de 25 informes con todas as deficiencias que presenta a piscina e hai que tratar de corrixilas para dar un servizo nas mellores condicións posibles aos veciños”. Nesa mesma argumentación indicía o alcalde barquense, Alfredo García, quen apuntaba que “esta é a mellor solución co compromiso de que cando a nova empresa colla o servizo dende o Concello faremos todo o que estea nas nosas mans para que os traballadores continúen na piscina”.

 

Artigos relacionados

Back to top button