En portadaÚltima hora

O pleno do Barco aproba unha modificación orzamentaria para investir 447.728 euros

Nesta sesión tamén saían adiante, entre outros puntos, o convenio de colaboración do Inorde cos concellos do Xeodestino Manzaneda-Trevinca

 

A Corporación barquense aprobaba na sesión plenaria deste 1 de xullo unha proposta para a modificación do orzamento xeral do Concello para 2021 mediante suplemento de crédito, financiado con remanente de tesouraría, por un total de 447.728 euros. Con cargo a esta modificación executaranse diferentes proxectos, algún deles xa previstos no plan de obras aprobado no seu día, e outros totalmente novos, tal e como sinalaba o voceiro do grupo municipal socialista, Aurentino Alonso, antes de proceder a detallar cada unha destas actuacións xunto co investimentos que suporán.

Entre os proxectos xa previstos referíase á construción dunha pasarela sobre o arroio Cigüeño, coa que se completará a obra de mellora da avenida de Bierzo e se dará acceso ao aparcadoiro que se creará ao outro lado do arroio, e o camiño da rúa a Ribeira. Estas obras teñen un orzamento de algo máis de 64.000 euros. Outro proxecto é o que se vai realizar no aparcadoiro da área de autocaravanas existente no Campiño de Viloira, que se trasladará a un espazo existente entre a pista polideportiva e o parque infantil, o que suporá un investimento de algo máis de 46.000 euros.

Tamén se inclúen arranxos de estradas como a existente entre Éntoma e A Veiga de Cascallá, a subida ao Serro por detrás do cemiterio, Vilanova-Forcadela e Soulecín-Castro de Vilariño conta cun orzamento de algo máis de 99.000 euros, xunto co bacheado de rúas nas zonas de Vilobal, O Serro, Nogaledo, O Castro, A Proba, Córrego, Outarelo, Xagoaza, Vilariño e Alixo cun custo previsto de case que 90.000 euros. Preto de 40.000 euros máis se destinan a realización de pequenas obras de bacheado en diferentes zonas: acceso á Edar, e camiños en Veigadecabo e A Proba.

 

 

A reparación do saneamento en Santurxo e Millarouso ten un custo de preto de 10.000 euros, e construirase un muro en Castro de Vilariño para soster un vial de acceso, cun orzamento de 25.620 euros. Tamén se modificará a iluminación do exterior da Concello Vello “para dar cumprimento a todas as peticións que fan entidades e institucións para iluminar de determinada cor un edificio municipal”. O orzamento ascende a 7.895€. Outros 9.000 euros destínanse á adquisición de mobiliario para a oficina de DNI que se abrirá no Concello.

A oposición coincidía na necesidade de acometer estas obras e amosaba o seu respaldo aos proxectos. No decurso deste pleno tamén saían adiante, entre outros puntos, a proposta de revisión de prezos do contrato de recollida de residuos sólicos urbanos e limpeza viaria nos anos 2019, 2020 e 2021; a aprobación do convenio do colaboración entre o Inorde e os concellos do Xeodestino Manzaneda-Trevinca, entre eles O Barco.

 

 

No decurso da sesión plenaria tamén se debatían dúas mocións, unha delas presentada polo concelleiro de Riada Cidadá, Félix García Yáñez, relativa a “manter en Vilamartín a sede do CRDO Valdeorras” e na que o edil lembraba unhas declaracións feitas meses atrás polo presidente da Deputación de Ourense sobre a posibilidade de mudar esta sede e situala na Rúa. A moción pedía que o pleno do Barco amosase “a súa rotunda condena ao traslado da sede do CRDO Valdeorras de Vilamartín”, e tamén que instase á Deputación a que “retire calquera proposta que teña por finalidade o traslado de dita sede” e á “Consellería do Medio Rural a que se manifestase claramente neste asunto”. Esta moción saía adiante cos votos a favor de Riada Cidadá e do PSdeG, mentres que o BNG se abstiña e o PP votaba en contra.

No pleno tamén saía adiante unha moción do BNG sobre a tarifa eléctrica, cos votos a favor do BNG, PSdeG-PSOE e Riada Cidadá, mentres que o PP se abstiña.

Fotos: A.R.

Máis información:
https://osil.info/intenso-debate-sobre-a-nova-tarifa-electrica-no-pleno-do-barco/

Artigos relacionados

Back to top button