ConcellosO BarcoÚltima hora

O pleno do Barco deixa sobre a mesa o cambio de nome CEIP Condesa de Fenosa

O consello escolar deste centro acordaba por unanimidade pasar a chamalo Paco Pérez Lemos, pero un dos trámites para ese cambio é contar cun acordo plenario favorable

Exterior do CEIP Condesa Fenosa do Barco./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

O CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa, un dos catro centros de Educación Infantil e Primaria que hai no Barco de Valdeorras, pretende modificar o seu nome. Quere pasar a chamarse, xa de cara ao vindeiro curso, Paco Pérez Lemos, en homenaxe ao mestre e director do colexio durante máis de vinte anos, falecido de forma inesperada a finais de decembro de 2021 e moi querido. Polo menos esa era a pretensión do propio centro que aprobaba a iniciativa no Consello Escolar celebrado o pasado 22 de marzo.

Para poder levar a cabo ese cambio, precisa dun acordo favorable do pleno do Concello do Barco. Esta cuestión figuraba na orde do día da sesión plenaria deste mes de abril, celebrada nesta tarde. Sen embargo, o punto non saía adiante ao decidir a Corporación, por unanimidade, deixalo sobre a mesa.

O motivo era que, segundo expoñía o concelleiro de Riada Cidadá, Félix García, ese centro construíuse contando cunha axuda da Condesa de Fenosa, e, a cambio, debía levar o seu nome. O edil manifestaba que non coñeceu ao profesor cuxo nome se pretende que leve o centro, pero indicaba que “se se empezan a cambiar nomes hai que facer unha proposta de cambio e plantexarnos que se vai facer cos nomes públicos do Concello, por iso propoño deixar este tema para máis adiante e darlle unha volta para fixar uns nomes que estean de acordo coa Lei de Memoria Histórica”. E concluía asegurando que tamén se pode homenaxer a ese profesor colocando unha placa ou unha escultura na súa memoria no centro.

Ante a dúbida legal xerada, o tenente de alcalde socialista Aurentino Alonso, que presidía o pleno por ausencia do alcalde Alfredo García, propoñía deixalo sobre a mesa ata aclarar se se podía proceder legalmente a ese cambio. Nese senso, farase unha consulta á Fundación Condesa de Fenosa “para ver que en condicións se fixo esa subvención”. E, unha vez resolvan as dúbidas legais, a intención é traer o punto novamente ao pleno.

Ademais dende o PP, a súa voceira, Sabina Aguado, referíase a un acordo non verbal tomado en xunta de portavoces polo cal non se poría nome a rúas ou instalacións do Barco de persoas vivas ou falecidas recentemente. E ademais serían nomes de mulleres ata que se equiparasen cos existentes dedicados a homes.

Aurentino Alonso recoñecía ese acordo, pero matizaba que iso é de aplicación “en novos nomeamentos ou cambios que partan do Concello, pero neste caso falamos dunha iniciativa que non é nosa, senón que parte do consello escolar do colexio”.

Artigos relacionados

Back to top button