OurenseÚltima hora

O Pleno de Ourense rexeita a dimisión de Sofía Godoy solicitada por OUeC e PSOE

A abstención de Democracia Ourensana permitiu que o PP utilizase a súa maioría na cámara municipal para botar abaixo a proposta
Pleno extraordinario de hoxe. // Foto: Carlos Asensio.

Intenso debate hoxe, 23 de xuño, no Pleno Extraordinario do Concello de Ourense convocado polas forzas de Ourense en Común e PSdeG-PSOE para solicitar a dimisión da concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy. Finalmente, a moción non saíu adiante, xa que só contou co apoio dos votos socialistas (6) e de Ourense en Común (OUeC) (3). Pola súa banda, os sete concelleiros de Democracia Ourensana abstivéronse, o que lle deu a oportunidade ao Partido Popular de impor a súa maioría na cámara municipal,  10 concelleiros, para botar abaixo esta proposta de dimisión.

Pero a sesión plenaria no Salón Nobre da Praza Maior, que arrancou cun minuto de silencio polas vítimas dos incendios en Portugal solicitado polo voceiro de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, foi moi tensa. Tanto Ledicia Piñeiro, de Ourense en Común, como o líder dos socialistas ourensáns, José Ángel Vázquez Barquero, fixeron un reproche á concelleira responsable da carteira de Asuntos Sociais enumerando unha lista de todos os proxectos que lle quedaban por facer “ou que non fixeron”, asegurou Ledicia Piñeiro. Entre esa lista, a concelleira de OUeC enumerou o Plan de Infancia ou o Protocolo de Atención a Persoas Refuxiadas, “un plan que é de Cruz Vermella e o Concello o colleu como propio”, asegurou.

Pero o Pleno estivo cheo de “performances” e momentos tensos. O primeiro foi o protagonizado por Jose Ángel Vázquez Barquero (PSdeG-PSOE) e o alcalde, Jesús Vázquez, cando o socialista reprochoulle á concelleira, Sofía Godoy, que este ano “suprimise o campamento na praia para os nenos usuarios de Asuntos Sociais e os manda ao Campamento Urbano”. Ante esta afirmación, Vázquez saíu en defensa da súa concelleira: “tres meses lle levamos pedindo que aprobaran esas contas e desa derivación veñen estes problemas”.

En canto ao momento “performance”, o encargado de protagonizala foi o voceiro do PP na cámara municipal, José Araújo, quen despregou un “pergamiño” con todas as medidas sociais que fixera o seu Goberno, para avalar a súa frase de que “estes foron os anos máis sociais da historia de Ourense”, acusando á oposición de “asfixiar” ao goberno.

José Araújo, voceiro do PP, desenrolou unha lista dos “logros” sociais do Goberno. // Foto: Carlos Asensio.

Finalmente, dende o grupo de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome reprochoulle a Ourense en Común que convocase este pleno extraordinario para pedir a dimisión dunha concelleira e logo “negáronse a presentarse no que nós convocamos para a dimisión do alcalde, alegando que se estaban a malgastar recursos públicos”, e apoiouse poñendo unha gravación co seu móbil na que salía Martiño Xosé Vázquez, o voceiro de OUeC, pronunciando esas verbas.

Pérez Jácome apoiou o seu discurso a través de gravacións do seu móbil. // Foto: Carlos Asensio.

Durante o seu discurso, Jácome simplemente se limitou a dicir que o culpable primeiro era o alcalde de Ourense e retoulle a Barquero a que, no canto de pedir a dimisión de Godoy, “propoña unha moción de censura” para que marche o alcalde.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button