OurenseÚltima hora

“O pobo de Ourense ao seu fillo predilecto, Carlos Casares Mouriño”

A capital réndelle unha sentida homenaxe ao autor coa entrega do pergamino de “fillo predilecto” á familia e coa descuberta dunha placa na traseira do Liceo, na praza do Bispo Cesáreo

A cidade de Ourense vén de saldar a súa débeda con Carlos Casares Mouriño, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, declarándoo oficialmente fillo predilecto da Cidade e descubrindo unha placa na súa honra na praza do Bispo Cesáreo, nunha das pareces do Liceo, “a segunda casa de Carlos e onde estará ao lado de Blanco Amor, no recuncho do lector e colocada na praza dun bispo, porque a obra máis importante de Casares é ‘Ilustrísima”, dixo o irmán do homenaxeado, Xabier Casares, durante o acto de descuberta da placa.

Pero o acto arrancou no Salón Nobre do Concello de Ourense, cunha sesión plenaria na que asistiron, como espectadores, representantes do Consello da Cultura Galega e da Real Academia Galega, entre outros. A sesión arrancou cun discurso do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, no que salientou “a riqueza que e diversidade da achega de Carlos Casares á nosa cidade e á nosa comunidade autónoma”. O edil primeiro reiterou que a cidade de Ourense “recibe este ano cunha especial ledicia a celebración do Día das Letras Galegas, xa que lle rende homenaxe a un dos seus fillos predilectos”. Vázquez cualificou de “acerto” a aprobación, por unanimidade, da Corporación Municipal que o 7 de febreiro de 2003 incoou o expediente de honra para recoñecer a súa traxectoria intelectual e persoal – a de Casares-. E, froito dese expediente, o Concello aprobou , en sesión plenaria do 4 de abril, nomear a Carlos Casares Mouriño, fillo predilecto da cidade e ubicar esa placa.

Tras o discurso do alcalde, a corporación municipal fixo entrega dun pergamiño ao fillo de Carlos Casares, Christian Casares Berg, que amosou a súa emoción “por todos os actos que se están a levar a cabo en honra do meu pai” e salientou que Ourense “foi unha cidade á que lle gustaba moito voltar, tanto na súa creación literaria como na súa vida”.

Descuberta da placa

Tras o acto no Salón de Plenos, cara ás doce e media do mediodía, a comitiva, formada por membros da Corporación Municipal, autoridades e familiares de Casares, foi recibida pola Coral de Ruada na Praza Maior, que os escoltaron baixo o son da gaita, e un sol de xustiza, ata a Praza do Bispo Cesáreo. Unha vez alí, a coral ofreceu un amplo repertorio de cancións e, posteriormente, procedeuse á descuberta da placa conmemorativa, obra do artista ourensán Xosé Cid, instalada na parede do Liceo.

Pero antes, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, pediulle ao irmán de Carlos Casares, Xabier Casares, que interviñese: “sei que non estaba previsto pero creo que tes que falar”, díxolle o rexedor municipal. Xabier salientou que o descubrimento desta placa era moi especial polo lugar no que está emprazada. Tras el, Christian Casares, fillo do homenaxeado, asegurou que “en todas as homenaxes que se fan, a xente que se achega non di do meu pai o bo escritor que era ou o bo traballo que facía, dinme que era unha moi boa persoa, agarimosa e próxima”. O fillo resaltou que se o seu pai non tivese nacido e vivido en Ourense “a súa obra non sería a mesma” e lembrou a todos os artistas que introduciron a Casares no mundo intelectual: “Acisclo Manzano, Quesada…”, enumerou.

Tras a intervención, novamente do alcalde de Ourense, procedeuse a descuberta da placa por parte de Xabier Casares e Christian Casares na que aparece a inscripción: “O pobo de Ourense ao se fillo predilecto, Carlos Casares “.

Texto, fotos e vídeo: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button