DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O polémico C.D. Barco-Paiosaco resólvese coa vitoria para os locais en Calabagueiros

Ivi Vales e David Álvarez foron os autores dos goles para o equipo barquense no partido disputado na tarde do 6 de decembro

Con vitoria e tres puntos para O Barco. Así remataba a historia do polémico partido da xornada 10 en terceira división, aprazado dende finais de outubro pola negativa dos coruñeses a xogar en Calabagueiros. Lembremos que ese día, unha avería no autobus do equipo de Laracha obrigábaos a chegar ata o campo barquense noutro vehículo e sen equipación. Unha vez en Calabagueiros a directiva do Barco tentou arranxar a situación cedendo a segunda equipación do seu equipo aos do Paiosaco, pero finalmente os técnicos coruñeses non aceptaban e decidían non presentarse ao partido.

Houbo que esperar ata o 14 de novembro para coñecer a decisión da Federación Galega de Fútbol que resolvía non sancionar ao Paiosaco, elixindo o 6 de decembro como data para a celebración do encontro. O día chegaba e ás 17:30 h. comezaba o partido no campo barquense ante unha boa entrada.

Era O Barco quen se adiantaba no marcador co gol de Ivi Vales no minuto 20, rematando a primeira parte co 1-0 no marcador. Tralo paso polo vestiario, eran os coruñeses os que marcaban, manténdose o empate ata o minuto 90 cando David Álvarez transformaba un penalti dándolle a vitoria, traballada e merecida, ao Centro de Deportes Barco.

A seguinte cita deportiva para O Barco será o domingo 9 de decembro ás 17:15h. en Calabagueiros contra o líder, o Bergantiños C.F.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button