OurenseÚltima hora

O policía local que actuou no atraco ao Mercadona, candidato á medalla ao mérito policial

O Concello enviou o expediente de solicitude do galardón á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta de Galicia
Carlos Pérez foi recibido polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, esta mañá.

O que comezou coma un drama, remata con honores. A semana pasada un axente da Policía Local, Carlos Pérez, interveu exitosamente no intento de atraco ao Mercadona da avenida Otero Pedrayo, conseguindo que o home armado que entrou na tenda, Stefan G.U, conseguise renderse e fose detido.

Por esta acción, este axente local natural de Vigo e que leva exercendo na cidade dende hai dous meses, pode ser condecorado coa medalla ao mérito da Policía Local, en virtude da solicitude enviada á Dirección Xeral de Emerxencias, organismo competente na coordinación de policías locais. Así o decidiron esta mañá nunha reunión co alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, acompañado pola Intendente Xefe da Policía Local de Ourense, María Barrera, e o concelleiro de Tráfico e Seguridade Cidadá, Carlos Campos.

O expediente que remitiron á Consellería de Presidencia destaca, segundo informan fontes municipais, que a actuación do axente en “feitos excepcionais ou de particular relevancia, que non formen parte das funcións e cometidos normais dos seus postos de traballo (…) no interior dun supermercado na Avenida Otero Pedrayo desta cidade, onde o individuo realizou varios disparos cun arma de fogo (escopeta)”. Dito expediente vai acompañado dun escrito no que se di que “dada a gravidade dos feitos acontecidos, o risco para a integridade física das persoas e pola dilixente e meritoria actuación do axente derivándose un risco directo cara a súa persoa”.

Neste expediente tamén afírmase que concorre algún dos supostos contemplados para a súa concesión: “Invervir en actos de defensa e protección dos intereses que teñan encomendados e que poñan de manifesto calidades de valor, sacrificio, lealdade ou abnegación excepcionais e dos que se derive o risco grave para a persoa, con independencia do resultado producido, sempre que superen o estrito cumprimento das súas obrigas e deberes regulamentarios”, así como “executar con éxito un servizo no que pola súa lealdade e extraordinaria dificultade ou importancia se evidencien importantes calidades profesionais ou cívicas”.

O escrito seralle remitido á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, organismo que será o encargado de decidir sobre a concesión desta distinción, xunto cunha copia da proposta da Intendente- Xefe de Policía Local de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button