OurenseÚltima hora

O Polígono de San Cibrao celebra o seu medio século

O programa de actos desta conmemoración incluirá un foro de emprego, encontros empresariais e unha exposición
Presentación dos actos do 50º aniversario do Polígono de San Cibrao das Viñas.
Presentación dos actos do 50º aniversario do Polígono de San Cibrao das Viñas.

A sede da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao acollía o 9 de xuño a presentación dos actos conmemorativos do 50 aniversario deste parque empresarial ourensán. O programa encetábase nesa mesma xornada co descubrimento cunha placa conmemorativa coa imaxe de marca do aniversario, que poderá verse na fachada deste edificio ao longo deste ano.

O groso dos actos desta celebración desenvolveranse de setembro a decembro. Comezarán en setembro con propostas como a “A Arboreda do Tempo”, unha plantación de 50 árbores autóctonas; unha homenaxe aos fundadores do polígono no Auditorio de Ourense, ademais de actuacións, ponencias e mesas redondas “con protagonismo para os empresarios representativos da área de San Cibrao”.

En novembro inaugurarase a mostra “O polígono nunca visto” e, ao mesmo tempo, un foro de emprego e emprendemento e diversos encontros empresariais. “Se ademais de conmemorar como se merece os 50 anos de vida do polígono, e de amosar a historia dende un novidoso enfoque, somos capaces de crear emprego, de estimular o nacemento de novas empresas e de propiciar acordos ou negocios, estaríamos cumprindo á vez todas as funcións e todos os obxectivos da asociación de empresarios”, sinalaba o seu presidente, Elías Mera, na presentación.

Neste acto contábase coa asistencia de diversas autoridades, entre elas o delegado da Xunta en Ourense, o presidente da Deputación ou o alcalde de San Cibrao, ademais de cunha ampla representación empresarial.

Artigos relacionados

Back to top button