ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O popular Álvaro J. Fernández toma posesión como novo alcalde da Rúa

Gobernará en minoría con 4 votos a favor do PP, 5 en contra do PSOE e BNG e 2 abstencións do RUA

Despois de catro anos de goberno de esquerdas (dous co BNG e dous co PSOE), o Partido Popular regresa ao Concello da Rúa da man de Álvaro Fernández. Pero farao, iso si, en minoría.

Sen sorpresas, despois do anuncio do RUA feito hai dous días e sen acordos para pactar, o candidato popular era nomeado alcalde da Rúa no pleno celebrado no mediodía do 15 de xuño, cos 4 votos a favor do PP, os 5 en contra dos socialistas (2) e dos nacionalistas (3) e as 2 abstencións do grupo independente.

 

Intervención da voceira nacionalista, María G. Albert.

 

Con numeroso público no Salón de Plenos, o acto comezaba ás 12h. coa constitución da mesa de idade: Mª Teresa Varela como a maior e Joana Gómez como a máis nova, ámbalas dúas concelleiras do Partido Popular.  De seguido e xa como concelleiros da nova corporación María G. Albert (BNG), Álvaro Fernández (PP) e Luis Fernández (PSOE) ratificaron a súa candidatura á alcaldía, mentres que tanto José Vicente Solarat como o segundo do RUA Alberto González renunciaban. Así pois só quedaba votar e sen maiorías tralos comicios do 26M, nin pactos, o candidato popular accedía ao sillón de mando dirixindo o resto do pleno.

No turno de intervencións, a primeira en felicitar ao novo alcalde da Rúa era a voceira do segundo grupo máis votado con tres concelleiros, quen aseguro que  dende o BNG están disposto a facer “unha oposición o máis seria e responsable posible que é o traballo que nos encomendou a cidadanía”, un camiño no que dixo María G. Albert “moitas veces estaremos en acordo e outras en desacordo pero iremos falando porque, unha vez máis, para nós o importante non son os intereses partidarios senón o ben común da cidadanía da Rúa”.

 

Os concelleiros do PSOE, Luis F. Gudiña e José Antonio González.

 

O alcalde saínte, o socialista Luis F. Gudiña pola súa banda desexou sorte a Álvaro e ao seu equipo nesta “nova encomenda”, sen esquecer a todas as persoas que confiaron no partido socialista “tanto nas eleccións nacionais como europeas aínda que nas municipais perdemos unha serie de apoios que nos levou a ter un concelleiro menos que hai catro anos”, asegurando que “a partir de mañá comezaremos a traballar para recuperar ese apoio nas urnas municipais”. Luis lembrou que hoxe remataba unha etapa na que formou parte dun goberno que “dende o primeiro ata o último día traballou arreo na procura dunha Rúa mellor”. Un traballo que continuarán dende “unha oposición responsable e construtiva”.

Dende o RUA, José Vicente Solarat asegurou que “estamos todos chamados a buscar a mellor forma de mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e nós, dende hoxe brindamos a nosa colaboración estando dispostos, se se nos chama, a participar de forma activa no goberno se acadamos puntos de encontro”.

 

Os independentes Alberto González e José Vicente Solarat.

 

E xa como novo alcalde, Álvaro foi o último en falar asegurando que “é unha honra representar ao meu pobo e facer o posible para que as cousas melloren”, consciente de que “imos necesitar todos os apoios que propoñedes polo que confío nesa boa vontade de que todos os proxectos que sexan importantes para o pobo, saian adiante”. Con respecto ao goberno, o popular aboga asemade “pola responsabilidade dos veciños para que sigan coidando do pobo coma sempre e tamén aos que están fóra”. Na súa intervención non esqueceu á xente que formou a lista do PP grazas á que chegou ata aquí, nin tampouco ao persoal do Concello e á súa propia familia, dende os seus pais e irmás ata a súa muller e filla “os que máis sufriron neste proceso”.

 

O novo alcalde da Rúa cos seus concelleiros.

 

Artigos relacionados

Back to top button