PolíticaÚltima hora

O popular Elías Rodríguez opta novamente á alcaldía de Rubiá

Asegura que “a dinamización turística, pensada ademais en clave de comarca, será un dos puntos fortes do noso programa”
O candidato do PP á alcaldía de Rubiá, e actual rexedor deste municipio, co presidente provincial do PP.

Elías Rodríguez Núñez, actual alcalde de Rubiá, volverá encabezar a lista do PP nas vindeiras eleccións locais neste municipio valdeorrés. Fala dun proxecto de mandato “no que a dinamización turística, pensada ademais en clave de comarca, será un dos puntos fortes do noso programa”. Cunha traxectoria de vinte anos na corporación local (16 deles como alcalde), Elías Rodríguez defende o traballo realizado en todo este tempo para o progreso do Concello de Rubiá, ao que chegou por considerar “que había moitas necesidades que non estaban cubertas, polo que decidimos presentar un novo proxecto que ilusionase á xente”.

A continua mellora de servizos básicos e sociais ou a recuperación de bosque autóctono para potenciar a produción de castaña están na axenda de Rodríguez cara un novo mandato, aínda que subliña dúas actuacións que entende prioritarias. Por unha banda a rehabilitación de vivenda, “que xa iniciamos hai tempo con fondos propios pero que estamos a continuar coa reforma dun novo inmbole”.

En segundo lugar, a dinamización turística “pero pensando en clave comarcal, porque recursos hai moitos e se os traballamos de xeito conxunto faremos máis forza”. Refírese o candidato, no caso de Rubía, ao parque da Serra da Lastra, un espazo a promocionar que complementaría cunha oferta de aloxamento turístico e divulgación dos recursos arqueolóxicos”.

Un programa ambicioso que para o presidente provincial, Manuel Baltar, “demostra por que a veciñanza de Rubiá confiou a súa maioría a Elías Rodríguez e ao seu equipo, á súa experiencia, ao seu saber facer as cousas e á súa capacidade para resolver”. O traballo constante e o carácter dialogante, pero reivindicativo, son, para Baltar, “características básicas para estar á fronte dunha alcaldía e o noso candidato así o demostrou nestes anos”.

Artigos relacionados

Back to top button