PolíticaÚltima hora

O popular José María Lago opta a un segundo mandato como alcalde da Gudiña

Aposta por “mellorar as conexións co norte de Portugal, onde hai 250.000 potenciais usuarios do AVE e, como porta de Galicia, tentaremos que os peregrinos comecen aquí o seu percorrido pola Vía da Prata”
O candidato do PP á alcaldía da Gudiña, José María Lago, co presidente provincial do PP.

José María Lago Cabo (A Gudiña, 1973) presentarase como candidato do PP á alcadía na Gudiña nas próximas eleccións municpais. A vindeira lexislatura, di, estará marcada pola chegada “da alta velocidade ao concello e nela que imos aproveitar todas as vantaxes que nos ofrecerá o AVE”.

Será a primeira vez que Lago encabece a lista popular, aínda que está á fronte da alcaldía desde 2016, tras o repentino falecemento do seu pai e anterior alcalde, Guillermo Lago. O seu lema de traballo é “A Gudiña ten futuro”, baseando boa parte dese horizonte no AVE e na recente noticia da adxudicación das obras de construción da estación. “Agora son preto de 22.000 viaxeiros ao ano que collen este tren no concello, pero seguro que esta cifra seguirá a medrar e temos que aproveitalo”, indica.

O seu obxectivo é único, pero engloba diversos ámbitos de actuación. “Temos que mellorar as conexións co norte de Portugal, onde hai 250.000 potenciais usuarios do AVE e, como porta de Galicia, tentaremos que os peregrinos comecen aquí o seu percorrido pola Vía da Prata, ofrecéndolles ademais outras experiencias como visitas aos espazos naturais que nos rodean”. O ámbito económico tamén se verá favorecido, “pois temos unha vintena de establecementos hosteleiros e hoteleiros que ofrecen todos os servizos necesarios”. Lembrou que o concello loitou con moita intensidade por esta nova estación, agradecendo o traballo e o apoio recibido desde as diferentes administracións.

José María Lago tamén repasa outros logros como o aumento dos servizos de atención sociocomunitaria, o punto de atención ao maior que nunha segunda fase será unha residencia, a mellora de infraestruturas básicas ou a reforma da rúa Maior como trazado da Vía da Prata, “pero tamén estamos a pensar nunha actuación de rehabilitación no casco vello para ofrecer vivenda protexida”.

O presidente provincia do PP, Manuel Baltar, tamén destacou o importante momento que está a vivir A Gudiña coa próxima chegada do AVE e a nova estación, “o que converterá a este concello nun dos lugares de referencia da provincia e como entrada a Galicia”. José María Lago, dixo, “demostrou neste tempo estar perfectamente preparado para xestionar unha etapa destas características e ofrecer á veciñanza un futuro prometedor”.

 

Artigos relacionados

Back to top button