Galerías de fotosOurenseÚltima hora

O popular Manuel Baltar, reelixido presidente da Deputación de Ourense

Lograba 14 votos, maioría absoluta, nunha votación realizada en urna con voto secreto

Cun resultado de 14 votos a favor, fronte aos 10 do socialista Rafael R. Villarino e a 1 de Montserrat Lama (Ciudadanos), o popular Manuel Baltar Blanco vén de resultar reelixido presidente da Deputación de Ourense durante o pleno constitutivo da nova Corporación provincial, celebrado no mediodía deste venres 28 de xuño.

A sesión iniciábase coa formación da mesa de idade, presidida polo alcalde da Teixeira, Miguel Cid, e coa toma de posesión dos deputados provinciais, entre eles os valdeorreses Álvaro Fernández (PP) e Aurentino Alonso (PSdeG-PSOE), así como o alcalde socialista de Verín, Gerardo Seoane, que se estrean nesta corporación.

Deseguido, dábase paso á votación do novo presidente provincial, que contaba con tres candidatos: Manuel Baltar (PP), Rafael R. Villarino (PSdeG.PSOE) e Montserra Lama (Ciudadanos). O sistema elixido, e que se aprobaba por unanimidade na sesión, era votación en urna con voto secreto.

Tras resultar elixido Baltar por maioría absoluta, procedía a xurar o cargo e logo dirixía as súas primeiras palabras como presidente neste novo mandado provincial 2019-2023, cun discurso no que incidía en dúas verbas: humildade e reilusionar. “Humildade como actitude permanente” e reilusionar como “obxectivo de goberno irrenunciable”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button