EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

O Porco Celta, protagonista esta fin de semana en Manzaneda

A Asociación Porco Celta organiza a IX edición das xornadas gastronómicas e de recuperación desta raza autóctona

Dende a parva ata o xantar, pasando pola mostra de artesanía. Seguindo a mesma liña dos anos anteriores pasadas as once da mañá do sábado 12 de novembro arrancaban as IX Xornadas gastronómicas e de recuperación do Porco Celta, no pavillón polideportivo de Manzaneda.

Alí, o presidente da Asociación Porco Celta, Juan Hervella; o xerente do Inorde, José Manuel Rodríquez; e o alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez, daban a benvida aos asistentes, antes de dar boa conta da “parva”. Tralo almorzo, os membros da asociación procedían á matanza tradicional dun porco celta que será sorteado mañá.

E mentres se pelaba e limpaba o porco (nunha chuviosa pero quente mañá) no exterior do pavillón, no interior unha vintena de postos de artesanía e gastronomía, amosaban os seus produtos, causando especial expectación o fabricante de xoguetes tradicionais e xogos de habilidade en madeira, que deixaba probar aos asistentes. Tamén no exterior, o escultor portevedrés de madeira Marcos Mariño, comezaba as obras que fará ao longo da fin de semana utilizando unha motoserra.

As xornadas continúan mañá, domingo 13 de novembro co concurso de cociña, o sorteo do porco e a mostra, así como co xantar no Pendón (menú: cocido, prezo: 25 euros).

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.
Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button