ConcellosÚltima hora

O positivo de Covid de Trives desminte nun comunicado que dera información contraditoria

Deste xeito responde a outro comunicado emitido días atrás polos concellos da área do PAC de Trives

Exterior do Centro de Saúde de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A través dun comunicado dirixido aos medios de comunicación, o positivo en Covid confirmado o 4 de setembro en Trives, Ignasi Vilajuana (traballador na brigada helitransportada de San Xoán de Río), desminte e aclara “algunhas das informacións que se fixeron públicas respecto diso”.

No texto do comunicado conta que o día 2 de setembro acudía ao seu médico de familia “ante unha lixeira dor de garganta, diagnosticándome unha “farinxite vesicular por enterovirus”, cunha duración estimada da baixa de sete días. Non tiña febre, tose nin calquera outro síntoma propio de enfermos de COVID-19”. A pesar diso, facultativo indicáballe que debía realizar unha PCR, dado o seu traballo na brigada helitransportada de San Xoán de Río con máis persoas.

Pero, este veciño de Trives engade que “non se me dá ningunha orde de iniciar período de corentena. Ese mesmo día acudo ao HCV ás 18:00 horas a realizar a PCR, informándome que tería os resultados en 24 ou 48 horas, pero tampouco se me indica que debo iniciar un período de corentena. Así, realizo vida normal ata as 23:43 horas do día tres de setembro en que mediante unha chamada telefónica infórmaseme que dei positivo en COVID-19. Dinme que acuda ao meu centro de saúde, o que fago inmediatamente. Alí vólvelleme a informar do meu positivo, e agora si, indícaseme que debo permanecer en casa iniciando o período de corentena. Así foi desde ese momento”.

Nese senso, lamenta que “as autoridades sanitarias non me advertisen da necesidade de quedarme na casa mentres non chegaba o resultado da proba. E lamenta tamén non ser consciente por min mesmo de que illarme fose o razoable. Desta maneira evitaría que moitos dos meus contactos teñan que estar agora en corentena. Contactos que, por certo, deron todos negativo; entre eles a miña nai, coa que convivo”.

Por eses resultados este veciño de Trives sospeita que o seu podería ser “un falso positivo, polo que solicitei unha segunda proba ao Sergas, que me foi denegada. Se todos os meus contactos deron negativo, como e onde me contaxiei eu?”, pregúntase.

Ademais indica que foi el quen fixo público a través das redes sociais o seu positivo ese mesmo día e que “non chego a entender o comunicado emitido o venres 4 polos Concellos de Manzaneda, San Xoán de Río e Pobra de Trives no que se di evidenciáronse tanto as contradicións como a falta de información veraz por parte da persoa afectada (…). Respondín a todas e cada unha das preguntas que se me fixeron dicindo en todo momento a verdade, tanto no propio centro de saúde o mesmo día en que me comunican o positivo como nas numerosas chamadas telefónicas recibidas desde a Consellería de Sanidade, facilitando e colaborando ao máximo en dar nomes completos e teléfonos de contacto de todas as persoas coas que estiven”.

Artigos relacionados

Back to top button