EconomíaEconomíaÚltima hora

O potencial do can de palleiro como pastor, analizado por Medio Ambiente e pola asociación desta raza

Esta raza forma parte do patrimonio natural de Galicia e existen testemuñas históricas que demostran as súas aptitudes para o coidado do gando, segundo o presidente do Club da Raza Can de Palleiro
Cachorro de can de palleiro.

 

O can de palleiro unha raza autóctona galega con aptitudes como can de pastor, especialmente para o coidado de animais en explotacións extensivas e que pode complementar perfectamente a función dos mastíns. Así llo transmitía Ernesto Fernández, presidente do Club da Raza Can de Palleiro, entidade constituída no ano 2002 en defensa desta denominación, á directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, na reunión mantida recentemente con ela xunto a outros representantes da asociación.

No encontro abordaban o importante papel que desempeñan estes animais na prevención de ataques ao gando por parte de lobos e xabarís e a súa presenza cada vez maior en explotacións galegas realizando labores de pastoreo e coidado do gando.

Ademais Fernández agradeceu a inclusión explícita desta raza na orde de axudas de 2019 para a prevención dos danos causados por determinadas especies de fauna silvestre. Pola súa parte, Belén do Campo lembrou que a adquisición de cans de palleiro xa fora incluída por primeira vez na convocatoria de 2018 e explicou que era unha demanda do propio sector agrogandeiro, que viña reclamando axudas para a compra de cans de pastor e concretamente, de exemplares autóctonos.

Ao respecto, o presidente da entidade incidiu en que a raza de can de palleiro forma parte do patrimonio natural de Galicia e existen testemuñas históricas que demostran as súas aptitudes para o coidado do gando, polo que considera que medidas coma esta serven para potenciar e poñer en valor a importancia desta raza autóctona.

 

Exemplar de can de palleiro./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Cómpre lembrar que segundo a convocatoria de axudas do 8 de xaneiro, será subvencionable a compra de cans protectores e defensores do gando cunha idade inferior ou igual a 4 meses das seguintes razas: mastín español, mastín do Pireneo e can de palleiro.

Así mesmo, os beneficiarios recibirán axudas para os gastos de identificación, debendo o interesado aportar documentación relativa aos controis sanitarios realizados ao animal, á identificación do animal e á súa inscrición no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (REGIAC). No caso do can de palleiro, ademais, o solicitante ten que achegar o certificado da entidade xestora do libro xenealóxico da raza, como así o solicitou o propio Club da Raza Can de Palleiro.

Achegas ao regulamento

A nova Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía de Galicia e o seu desenvolvemento regulamentario foi outro dos temas abordados durante a reunión. A este respecto, Belén do Campo avanzoulles que o seu departamento xa está a traballar na elaboración do regulamento da devandita lei, coa intención de que estea aprobado este mesmo ano.

Neste sentido, os representantes do Club da Raza Can de Palleiro aproveitaron a xuntanza para ofrecer a súa colaboración á consellería neste proceso e para trasladarlle á directora xeral algúns dos aspectos que desde a entidade consideran que se deberían incluír e abordar no futuro regulamento.

 

Imaxe da reunión mantida na Consellería de Medio Ambiente.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button