PolíticaÚltima hora

O PP apoia no Congreso unha iniciativa socialista para impulsar a construción do enlace da N-120 en Vilamartín

Estrada N-120 ao seu paso por Vilamartín./ Foto cedida C.D.

 

Durante sesión desta mañá da Comisión de Seguridade viaria do Congreso dos Deputados debatíanse varias proposicións non de lei (PNL), unha delas do grupo socialista (defendida polo deputado ourensán Adolfo Pérez Abellás) quen pedía que o Congreso instase o Goberno a “continuar impulsando o proxecto para a construción do enlace e reordenación de accesos da estrada N-120, en Vilamartín de Valdeorras, con obxecto de incrementar a seguridade nos accesos á citada poboación”.

En nome do PP interviña o deputado ourensán Celso Delgado Arce, quen sinalaba que xa en maio do 2019 o seu grupo parlamentario preguntaba cando se ía concluír a redacción dese proxecto de mellora. “O 4 de xullo de 2019 o Goberno respondeu: atópase en redacción. O próximo trámite corresponderase coa súa aprobación provisional e incoación do correspondente expediente de Información ao Público“, recordaba Delgado, que tamén apuntaba que sobre esa cuestión e o retrado do proxecto seguiuse preguntando en decembro de 2019, sendo a resposta do goberno que o proxecto estaba en fase de redacción, debendo ser sometido ao trámite de información ao público.

 

O deputado popular no Congreso, Celso Delgado Arce.

 

A partir de aí, Delgado Arce aseguraba que, deste xeito, “acredítase o interese dos deputados populares por impulsar este necesario proxecto para dar unha maior seguridade neste tramo, tanto a peóns como a condutores. En segundo lugar constátase a parsimonia do MITMA, e en especial da Dirección Xeral de Estradas en redactar este proxecto”.

Así mesmo o deputado popular amosábase favorable a iniciativa presentada na comisión polo deputado ourensán Adolfo Pérez Abellás, pero engadía que lle parece “moi insuficiente a petición. E é por iso que rexistramos unha emenda que pretende dotar dun maior compromiso temporal á petición: 1. Concluír a redacción do proxecto de construción de ligazón e reordenación de accesos da estrada N-120 en Vilamartín de Valdeorras (Ourense), cuxa redacción xa se iniciou no ano 2019, para que poida ser sometido ao obrigado trámite de información pública para a aprobación veciñal e procederse a continuación á licitación das obras – o máis axiña posible e en todo caso antes de que finalice este ano 2021 -, co obxectivo de incrementar a seguridade viaria na citada poboación”.

Celso Delgado Arce tamén indica que,” a pesar de que a nosa emenda non foi aceptada polo Grupo Socialista, alegando non poder comprometer prazos, o Grupo Popular votou a favor da PNL”.

 

Artigos relacionados

Back to top button