Eleccións municipaisPolíticaÚltima hora

O PP de Ourense presenta á súa candidatura ás municipais

Xesús Vázquez destaca a calidade, ilusión, formación e capacidade de traballo dos membros da lista

“Normalidade é o desexo principal co que queremos presentarnos á alcaldía”. Así o expresaba Xesús Vázquez, cabeza de lista do PP en Ourense no acto de presentación da súa candidatura ás municipais do 2015, celebrado na tarde do 13 de abril nun Auditorio repleto de público. Trátase dunha candidatura “con experiencia, ilusión e ganas de facer cousas”. Tamén con “vontade de avanzar e darlle un novo pulo a esta cidade para construír o Ourense que queremos”.

Dicíao no escenario, rodeado da trintena de persoas que compoñen a súa lista, cuxo número dous é María Sofía Godoy Gómez-Franqueira, despois aparece Francisco González Bouzán, a trivesa Ana María Fernández Morenza, José Araújo Fernández, Isabel María Castelo Villanueva, Jorge Pumar Tesouro, José Mario Guede Fernández, María Belén Iglesias Cortés, José Jesús Cudeiro Mazaira, Flora Moure Iglesias, Amelia Belmonte Espada, Francisco Carlos Campos Sanmartín, Roberto Bermúdez Piedra, Miguel Prado López, Stella González Iglesias, Modesto González Fernández, Mónica Abellás López, Manuel Ángel Conde Rodríguez, María del Sol Díaz Mouteira, María Felisa González Freire, o rues Antonio Fernández Fernández, Elva Álvarez Valdés, Ramón Antonio de Oliveira, María del Carmen Prada Sierra, Érika Cid Fernández e Manuel Mosquera. A lista inclúe tamén como suplentes a María Isabel Rodríguez e Noelia Pérez.

A intervención de Vázquez, que pechaba cunha emotiva referencia á súa nai presente no acto, era a última da presentación. O primeiro en tomar a palabra era Rosendo Fernández, que encabezara as lista nas pasadas municipais. “Ourense ten moitas posibilidades de saír adiante, pero para iso temos que darlle un bo capitán: Xesús Vázquez Abad”, dicía. Asemade despedíase publicamente do grupo municipal do PP “que estivo na oposición a pesar de ter ganado as eleccións”.

A continuación subía ao escenario José Manuel Baltar, presidente do PP de Ourense, que incidía que “esta é unha provincia popular, gobernamos hoxe en 69 concellos, que serán máis en maio de 2015 e un deles será o de Ourense. Para iso temos que traballar todos e contaxiar de optimismo a toda a xente”. Ademais tivo unha lembranza especial para dúas persoas “que estaban aquí hai catro anos: Antonio Caride Tabarés e Odilo Masid”.

O turno de intervencións completábase coa do presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que comezaba amosando o seu agradecemento á xente nova “que dá un paso para comprometerse coa política”. Ademais destacaba que “hoxe estamos presentando unha candidatura chea de experiencia, renovada e unida” e que en Ourense “hai un equipo preparado para gobernar dende o minuto un”.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button