Eleccións Xerais 26-XPolíticaÚltima hora

O PP de Ourense presenta a súa campaña ás eleccións xerais

Apostarán por actos “máis visibles” e incluirán un mitin central en Ourense o 23 de xuño e un peche de campaña en Xinzo
Representantes do PP antes da rolda de prensa para presentar a campaña.
Representantes do PP antes da rolda de prensa para presentar a campaña.

Un total de 200 actos celebraranse por toda provincia de Ourense no marco da campaña do PP para as vindeiras eleccións xerais. Neles contarase co apoio de membros do goberno en funcións, do presidente da Xunta e de todos os conselleiros. Así se anunciaba na rolda de prensa celebrada na mañá do 9 de xuño en Ourense. “Temos una nova oportunidade para merecer de novo a confianza dos ourensáns, que pediremos nestes días, cunha mensaxe en positivo e construtiva”, sinalaba o presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, quen comparecía ante os medios xunto ao cabeza de lista ao Congreso, Miguel Ángel Viso, e ao coordinador de campaña, Rosendo Fernández.

O lema da campaña, “A favor”, demostra cal é o obxectivo do PP, aclaraba Baltar, “posto que nos presentamos para que sexa presidente Mariano Rajoy, para que teña un goberno estable e siga a recuperación, non como outros, as forzas emerxentes que foron en realidade as forzas bloqueantes, sempre en contra”. O obxectivo dos populares ourensáns, adiantaba, será superar o 45 % do apoio obtido nas xerais de decembro.

Ao seu carón, Rosendo Fernández, referíase ás actividades previstas na campaña do PP de Ourense. Unha campaña,“que xa comezou esta mesma semana con encontros sectoriais e que nos permitiron pulsar as demandas e preocupacións dalgúns sectores económicos”. Tamén destacaba que os próximos quince días de campaña serán diferentes, “con máis rúa, máis visibles e máis encontros en recintos exteriores, cun mitin central en Ourense o día 23 e o peche de campaña en Xinzo de Limia o día 24”.

O presidente do PP de Ourense, intervindo na comparecencia ante os medios de comunicación.
O presidente do PP de Ourense, intervindo na comparecencia ante os medios de comunicación.

Pola súa banda, o cabeza de lista ao Congreso, Miguel Ángel Viso, aseguraba que nesta campaña “queremos falar de emprego, como principal preocupación dos cidadáns, pero tamén de economía e de políticas sociais, tres alicerces básicos para unha sociedade do benestar”. E insisía en que “partimos coa vantaxe de coñecer o sentir dalgúns axentes económicos cos que falamos nesta precampaña, e a quen tamén lles preocupa o desemprego e a lenta recuperación económica por culpa da falta de estabilidade política”. Por iso, concluía “ofrecémoslles a todos unha oportunidade máis para recuperar a confianza e consolidar unha recuperación que nos permita seguir mellorando, lonxe de experimentos e radicalismos”.

Artigos relacionados

Back to top button