OurenseÚltima hora

O PP de Ourense regresa ao Goberno Municipal e volverá a asumir as áreas que gobernaba

Xunta de Goberno do Concello de Ourense.

 

Máis de nove meses despois de que Jesús Vázquez, o coordinador do grupo municipal do PP no Concello de Ourense, anunciase no salón de plenos a decisión dos sete concelleiros populares de retirarlle o apoio ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, na xornada deste xoves, 24 de xuño, o Goberno Municipal de Democracia Ourensá e o grupo municipal do PP chegaban a un acordo para que os concelleiros populares se integren e asuman a dirección de áreas no Concello de Ourense.

“Democracia Ourensá xa dixo por activa e por pasiva o porqué desta suma. Mantemos a nosa palabra. Desde setembro 2020, sempre deixamos a porta aberta a unha continuación da colaboración”, aseguran dende o Goberno Local. Respecto ao acordo, o PP “comprometeuse a tomar en consideración os puntos que DO esixiu esta semana, imprescindibles para reeditar un co-goberno; e de forma recíproca, DO comprometeuse a considerar as demandas efectuadas polos populares”.

Dende o Partido Popular aseguran que “esta foi unha negoción fundamentada sobre como podemos servir aos ourensáns e cales son as prioridades que debemos atallar canto antes. E a prioridade fundamental e dotar á cidade dun goberno que traballe pola cidade. Desde o principio do mandato municipal a nosa postura foi a mesma: tender a man para traballar xuntos por Ourense. Fixémolo durante a primeira metade do mandato e volverémolo a facer agora”.

A Xunta de Goberno Local estará formada por 3 + 3, e as concellerías cuxa responsabilidade asumirá o PP serán as seguintes: Deportes, Facenda, Medio Ambiente, Servizos Sociais Comercio, Termalismo, Turismo e Urbanismo.

Artigos relacionados

Back to top button