PolíticaÚltima hora

O PP de Ourense renovará ao 80% dos cabezas de lista ás municipais, que presentará antes de rematar o 2022

Así o avanzaba o presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, que cumpre 12 anos á fronte deste partido na provincia

Publicidade
Manuel Baltar, presidente do PP de Ourense, xunto a Alberto Núñez no congreso provincial do partido o pasado outono.

 

Manuel Baltar, que cumpría o 30 de xaneiro 12 anos á fronte do PP de Ourense, ten xa a mirada no horizonte das municipais do 2023. “Os obxectivos están claros. O primeiro é, por suposto, seguir desempeñando o goberno provincial. En Galicia, o goberno máis importante xestionado polo PP é a Xunta e o segundo é a Deputación de Ourense. Por iso imos obter a maioría absoluta. En 2019 quedamos a 852 votos no partido xudicial de Ourense para revalidala. Na cidade, perdemos 4.000 votos das xerais ás locais, en só 30 días. Pero a política é pacto. E se empezamos o mandato con 12 de 25 escanos, no pleno que acabamos de celebrar este pasado venres contamos con 15 votos dos 25. O 60%. Porque política escríbese coa p de pacto”, sinala Baltar.

En paralelo, o presidente dos populares ourensáns sitúa o obxectivo de superar o récord de 71 alcaldías para o PP en Ourense. “Agora mesmo, o PP xestiona 62 gobernos municipais. 61 alcaldías e somos cogoberno na cidade. É dicir, gobernamos en dous de cada tres concellos da provincia, gobernamos a 3 de cada 4 ourensáns. O noso obxectivo é o récord das 71 alcaldías”.

Para iso, incide Baltar, é clave a mensaxe construída a base de certezas que o partido traslada aos veciños, “Presentarémonos de novo cun candidato e un programa de mandato, como ninguén fai en España. Porque sabemos que das urnas locais sae non só os gobernos dos concellos senón tamén o goberno provincial”, asegura. Tamén avanza o nome do próximo plan de mandato: “Queremos ofrecer aos veciños a certeza do que imos facer, con plans de mandato. O Plan Ourense92 (2011); o Plan 1519 (2015); o Plan 7273 (2019) e o próximo, que será o Plan 2127. Porque o pico máis alto de Galicia -Pena Trevinca- mide 2.127 metros e está en Ourense. E de aí a boa perspectiva e intuición que sempre exhibimos nesta terra. Unha terra na que naceron experiencias de centrodereita galeguistas, como Coalición Galega ou Centristas de Galicia. Que fusionados co PP démoslle ao PP a maiúscula dese “ G” de galeguismo que sen dúbida é o noso mellor aval e o que sabemos exercer día tras día”.

Presentación de cabezas de lista antes de que remate o ano

O PP de Ourense presentará antes de que acabe este ano 2022 a todos as súas cabezas de lista nos 92 concellos da provincia, ademais da entidade local de Berán. “Candidatos fiables, reconocibles, que saben xestionar. E onde a eficiencia marca un antes e un despois para lograr ese récord de alcaldías, ese récord de concellos”, explica Manuel Baltar, que pon o foco na profunda renovación de candidaturas desenvolvida nestes doce anos: “Respecto a cando asumín a presidencia, en 2023 renovaremos ao 80% de todos o número 1 presentados. Un labor de renovación e, sobre todo, un labor de conexión cos veciños e veciñas da provincia de Ourense. Con propostas, con mulleres e homes perfectamente identificados coas ambicións e retos de cada concello e cun proxecto común que se chama Ourense”.

Nesta liña, o presidente provincial valora o perfil propio que ten o partido que preside: “Ninguén nos gaña en ourensanismo, ninguén nos gaña en coherencia. Se temos que defender unha postura reivindicando os intereses de Ourense por encima de calquera outro, facémolo, aínda que a nivel autonómico ou nacional non teñamos esa mesma postura. Porque como dixen no congreso provincial: nós non somos unha sucursal”. Dentro desa identidade do PP sitúa a importancia de estar ao dispor dos veciños as 24 horas de todos os días do ano. “E por iso o próximo 28 de maio de 2023, as eleccións locais -que son a nai de todas as eleccións-, exhibirán, concretarán e certificarán un gran triunfo do Partido de Ourense, do que síntome sumamente orgulloso de todos e cada un dos seus miles de militantes que fan posible esta identificación coa provincia, insuperable e de ciencia ficción para o resto de opcións políticas”.

Artigos relacionados

Back to top button