ConcellosÚltima horaViana do Bolo

O PP de Viana e os dous concelleiros non adscritos presentan unha moción de censura

Vén de rexistrarse nesta mañá no Concello e nela proponse como candidato a Abelardo Carballo

Imaxe do pleno de xullo en Viana do Bolo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Hai apenas un mes, dous dos tres concelleiros do PSdeG-PSOE de Viana do Bolo deixaban o partido e pasaban a ser non adscritos. Agora, estes dous edís, Abelardo Carballo e Santiago Barja, veñen de rexistrar, xunto aos catro concelleiros do PP vianés, unha moción de censura contra o actual alcalde, Secundino Fernández, do BNG e que gobernaba en minoría con 4 concelleiros.

Así o confirmaban tanto o PP como os dous edís non adscritos. Ante “a situación de ingobernabilidade no que se atopa Viana presentamos unha alternativa na que figura como candidato á alcaldía o edil Abelardo Carballo, ao que apoiará o grupo municipal popular para botar a andar unha nova etapa”, confirmaba o PP a través dunha nota de prensa.

“Durante meses o alcalde non nos deixou outra saída porque non aceptou ningunha das mocións nin propostas que lle fixemos durante este último ano. Este señor está gobernando con catro concelleiros e necesita seis. A cambio de nada, fixémolo alcalde ao principio da lexislatura e despois non se acordou de nós para nada”, comenta Abelardo Carballo, o candidato á alcaldía proposto na moción.

Carballo asegura que o actual alcalde é “moi personalista e non atende a razóns de ninguén, está facendo obras sen sentido e así non podemos seguir, non se prepara un plan urbanístico para levar a cabo en Viana, estamos sen plan xeral, non temos un parque empresarial… Nunca pensa niso e non nos deixou outra saída”, insiste. Este ex edil socialista, actualmente non adscrito, recoñece que na última semana mantívose unha xuntanza co grupo do BNG, pero sen avances. Fixémoslle unha serie de propostas e non tivo ningunha en conta”.

A partir de agora ábrase un prazo de dez días hábiles para convocar unha sesión plenaria automaticamente que, de non haber cambios, podería celebrarse o 1 de setembro.

Segundo o voceiro popular vianés, Andrés Montesinos, este paso “é absolutamente necesario para que o futuro de Viana do Bolo, fronte ao total desprezo do alcalde nacionalista cara os grupos da oposición e as súas iniciativas, dirixindo o concello dun xeito ditatorial”.

Explicou que a situación política “era xa insostible” logo de máis dun ano de desgoberno. Neste tempo, engadiu, “sufrimos a total falta de empatía do alcalde cara ás forzas políticas da oposición, falta de transparencia, de diálogo e mesmo a súa incapacidade para cumprir os acordos plenarios aprobados por unanimidade”.

Neste escenario, di Andrés Montesinos, “debíamos emprender un novo camiño para demostrar que Viana do Bolo existe”. Unha nova etapa impulsada polos dous concelleiros non adscritos da corporación, con Abelardo Carballo como candidato á alcaldía, “demostrando así o seu compromiso co benestar da nosa veciñanza”.

“A palabra consenso vai ser o eixo da proposta de goberno que imos presentar para Viana do Bolo”, asegurou Montesinos, que detallou os principais asuntos que se comprometen a desenvolver como “consensuar e aprobar os orzamentos, o novo organigrama municipal, reparto de áreas e réxime de retribucións da corporación e o PXOM e as actuacións para iniciar a súa aprobación, así como a total transparencia en todos os procesos administrativos.

Tamén inclúen entre as súas propostas a posta en marcha inmediata de todas as xestións necesarias para o arranxo da estrada de Santo Agostiño, a adquisición dunha máquina desbrozadora para a conservación e mellora dos caminos, apoio aos gandeiros ou a mellora, acondicionamento e sinalización dos accesos aos núcleos de poboación.

Artigos relacionados

Back to top button