PolíticaÚltima hora

O PP do Barco critica o problema de filtracións de auga no edificio multiusos

Tamén lamenta que haxa outro problema deste tipo no pavillón de Calabagueiros

Foto: Mónica G. Bellver.

 

O PP do Barco vén de emitir unha nota de prensa para amosar o seu malestar ante os problemas de filtracións no edificio multiusos da vila. “Hai anos que nos acostumamos a ver as pingueiras no salón do edificio multiusos do Concello, algo incomprensible nun edificio de recente construción. Sen embargo, na última semana encontrámonos cun espectacular agravamento do problema. Coa chegada das chuvias aparecen os caldeiros que recollen a auga que se filtra dende a cuberta, ademais agora non só no último andar, senón en todos eles e mesmo na praza de abastos”, asegura Sabina Aguado, portavoz municipal do PP, na nota de prensa.

O grupo municipal do PP no Barco considera “unha tomadura de pelo que a este problema que se arrastra dende o principio non se lle teña dado aínda unha solución dende a alcaldía”. Tamén aseguran que se iniciaron as obras de cambio de cuberta do multiusos “sen mirar a previsión do tempo e sen facer un estudo da reparación, iso produciu que agora a obra estea tapada con lonas e á espera do material para a reparación do edificio”.

Os populares pregúntase de quen é a responsabilidade desta situación e falan dunha “falta de planificación e control riguroso na execución das obras”. Ademais Sabina Aguado esixe “unha solución definitiva, e que a poder ser se faga coa nosa materia prima: a lousa”.

O PP do Barco tamén critica o problema de filtracións e pingueiras no pavillón municipal de Calabagueiros “e que os usuarios teñan que utilizar o paraugas dentro del” e “esiximos unha inmediata solución a este problema”.

Artigos relacionados

Back to top button