Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

O PP inicia a campaña das eleccións xerais en Valdeorras

No mediodía do 12 de abril tiña lugar na Rúa un xantar-mitin no que interviñan o presidentes do PP de Galicia e o de Ourense, Alberto Núñez Feijóo e Manuel Baltar, o candidato popular á alcaldía ruesa, Álvaro Fernández, e o candidato ao Senado, Avelino García

Na provincia de Ourense e máis en concreto en Valdeorras vén de encetar o PP a campaña electoral das xerais do vindeiro 28 de abril. Unhas 300 persoas asistían no Hotel Espada da Rúa a un xantar-mitin no mediodía do 12 de abril. O acto, que contaba coa asistencia do presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, abríase coa intervención do candidato popular á alcaldía ruesa, Álvaro José Fernández López, quen destacaba que “Valdeorras é unha comarca con moitísimo potencial” e que “gana cando os candidatos imos todos unidos”. Ademais amosaba o seu agradecemento ás persoas que o apoiaron ao dar o paso de encabezar a lista e, de xeito especial, á súa familia. “Espero non defraudarvos”, dicía.

 

O candidato á alcaldía ruesa, Álvaro Fernández.

Deseguido tomaba a palabra o concelleiro rues e senador Avelino García Ferradal quen sinalaba, dirixíndose aos asistentes, que “se somos algo é grazas a vos e por vos estamos e seguiremos”. Este rues, que ocupa o número tres da lista ao Senado por Ourense, auguraba que o PP na provincia “vai sacar os tres ao Congreso e os tres ao Senado”. Ademais indicaba que “vai ser a voz de Valdeorras en Madrid”.

 

Avelino García na súa intervención.

Falando dos “excelentes candidatos populares que levamos”, tanto ás xerais como ás alcaldías, iniciaba o presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, o seu discurso. “Imos a retirar a Pedro Sánchez do goberno de España” e para iso, continuaba, “temos que traballar como sempre nunha campaña na que como nunca está en discusión o futuro de España, as pensións, o medio rural, o reto demográfico, o do emprego e o da credibilidade internacional. Só hai un PP e hai que votar utilmente. E o voto útil é seguir mantendo tres deputados e tres senadores”, resaltaba.

 

O turno de intervencións pechábao o presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen destacaba o feito de apostar neste inicio de campaña pola provincia de Ourense, mencionando ao mesmo tempo que “Valdeorras posiblemente sexa unha das comarcas máis importantes de Galicia e ogallá que comece a ser tratada  como se merece”. Sinalaba ademais que o “PP sae a estas eleccións para ganar e podemos ganar. Galicia necesita un goberno que a tome en serio e en consideración”. Lanzou unha mensaxe de unidade no voto de centro dereita xa que, “se nos unimos nas urnas, haberá en España un goberno como o de Galicia”.

Finalmente Feijóo dedicaba unhas palabras especiais ao cabeza de lista popular nas municipais na Rúa, Álvaro Fernández, “tedes un excelente candidato que decidiu dar un paso adiante, a xente que vale a pena é a que arrisca”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button