Eleccións Xerais 26-XPolíticaÚltima hora

O PP ourensán arranca a campaña electoral en Valdeorras

Os candidatos ao Congreso e ao Senado percorrían as rúas do Barco, xunto aos presidentes provincial e galego do PP, e logo participaban nun mitin na Rúa

Dende a praza Lauro Olmo do Barco, os membros da listas do PP por Ourense ao Congreso e ao Senado nas vindeiras eleccións xerais iniciaban ás seis e media da tarde do 10 de xuño un percorrido no que ían saudando aos viandantes e entrando en diversos establecementos comerciais. Xunto a eles ían o presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente do PPdeG, Alberto Núñez. Deste xeito comezaba o PP de Ourense a campaña electoral en Valdeorras.

Despois, baixando pola rúa da Estación chegaban ata o Paseo do Malecón onde, á altura da rúa Abdón Blanco, onde tiñan lugar unha serie de intervencións que iniciaba o Moisés Blanco, deputado autonómico do PP. De seguido, tomaba a palabra o cabeza de lista popular ao Congreso por Ourense, Miguel Ángel Viso, quen lembraba a brevidade da lexislatura que vén de concluír e agradecía ao partido que volvese contar con el como candidato. Tamén insistía en que nestas novas eleccións “o PP vai seguir con esa mensaxe de unidade, de traballar por e para os galegos e por e para España”.

Viso tamén se refería a unha infraestrutura de vital importancia para a comarca de Valdeorras, a autovía A-76 (Ponferrada-Ourense). “Tiven a sorte de estar na Comisión de Fomento (do Congreso) e puidemos ver como para Mareas ou como para Podemos o tema da A-76 non é importante; o tema do rural non é importante, nin para eles nin para Cidadáns. O PP sabe perfectamente o que é o rural, o que é a provincia de Ourense neste caso, e eu creo que ese é dun dos motivos de que contase cunha persoa coma min, do rural e que vive nel”. E finalizaba sinalando que “o PP vai seguir traballando para que ese máis dun 30% indecisos que as enquisas nos dan decida votar ao PP porque nós o que necesitamos é ter máis forza en Madrid”.

O acto concluía coas palabras do presidente dos populares galegos, Alberto Núñez, quen aludía asemade á importancia destas eleccións xerais, “temos unha oportunidade para que España por fin teña un goberno”, dicía. O programa da campaña continuaba minutos despois no Centro Cultural Avenida da Rúa, onde tiña lugar un mitin.

Fotos: Carlos G. Hervella/ Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button