Eleccións Xerais 26-XPolíticaÚltima hora

O PP ourensán, “satisfeito” polos resultados do 26X

Manuel Baltar, acompañado do deputado electo Miguel Ángel Viso, valoraba en rolda de prensa os resultados das eleccións na provincia
Miguel Ángel Viso e Manuel Baltar sostendo o mapa que recolle en azul os concellos ourensáns nos que ganou o PP.
Miguel Ángel Viso e Manuel Baltar sostendo o mapa que recolle en azul os concellos ourensáns nos que ganou o PP.

Os votos acadados nas eleccións do 26 de xuño supoñen para o PP “un inmenso caudal de confianza” que se traduciu en que un de cada dous ourensáns votaran ao a este partido é dicir, case o 50 % de apoio electoral. Así o destacaba o presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, na rolda de prensa que ofrecía para valorar estes datos na mañá do 27 de xuño, acompañado polo deputado electo Miguel Ángel Viso.

Baltar expresaba a súa máxima satisfacción polo respaldo obtido e agradecía en varias ocasións os 91.007 apoios recibidos, puntualizando que aínda se podería aumentar este dato cos votos válidos dos 3.952 emigrantes que exerceron o seu dereito. Uns resultados, engadía, que contribuíron a lograr eses 14 novos escanos en toda España e ampliar o número no Senado. Ademais resaltaba a elevada participación na provincia, o 69,95 %, “máis que a media de España e de Galicia, o que lexitima con máis forza os resultados”.

Un dos momentos da rolda de prensa na sede do PP.
Un dos momentos da rolda de prensa na sede do PP.

Baltar e Viso amosaban tamén durante a comparencia o mapa azul da provincia, que permite comprobar como o PP lograba gañar en tres concellos máis que nas eleccións de decembro. “Gañar en 87 dos 92 concellos non é nada fácil e a receita é estar sempre a disposición dos ourensáns, haxa ou non eleccións”, afirmaba Baltar. E coa vista posta xa nas autonómicas, Baltar afirmou que aínda hai posibilidades de mellora destes resultados, para o que se comprometeu a “cargarnos de razóns para que ese votante vexa que o noso proxecto merece a súa confianza”.

Asemade o presidente do PP de Ourense anunciaba que para a mañá 28 de xuño está convocada unha xunta directiva que se celebrará en Avión, por ser o concello que alcanzou o maior apoio electoral na provincia, o 88 %, “dándolle así o protagonismo que se merece á provincia, porque somos un partido de provincia, para construír e para estar sempre, como o noso lema, a favor”.

Artigos relacionados

Back to top button